CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio concede o Premio Patrimonio 2010 á Fundación o Santa María la Real de Aguilar de Campoó

19/06/2010 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, ao que pertence Santiago de Compostela outorgou o Premio Patrimonio 2010 á Fundación Santa María la Real de Aguilar de Campoó. Así o decidiu a Asemblea Xeral do Grupo celebrada en Salamanca e á que asistiu a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Trátase dunha Fundación Cultural de ámbito nacional cuxa misión fundamental é xerar desenvolvemento baseado na valorización do patrimonio cultural, natural e social. Co seu traballo buscan, entre outros fins, ser referencia na posta en marcha de novas iniciativas tanto a nivel persoal como institucional exercer un proceso pedagóxico para coñecer e valorar o patrimonio en toda a súa dimensión.

Os méritos que se lle recoñecen por parte do Grupo son a importante actuación en relación á conservación, restauración e mantemento do patrimonio románico que está realizando esta Fundación, así como o seu labor orientado ao desenvolvemento económico e social asumindo programas de formación e emprego a través das súas escolas-taller, fomentando a creación de pequenas empresas culturais, turísticas e artesanais que propicien o desenvolvemento sostible da zona na que actúa.

Ademais, aprobouse unha mención especial a Géza Alföldy, catedrático emérito da Universidade de Heidelberg, unha das figuras de máis renome mundial no campo da Historia Romana e, particularmente, da Epigrafía Latina. Este recoñecemento do Grupo débese ao labor realizado ao longo da súa vida e pola súa impecable reputación científica.

Plan Estratéxico
Na Asemblea, tamén se aprobou o Plan Estratéxico para o período 2010-2015, que será o que fixe as liñas de actuación do Grupo durante os vindeiros cinco anos. "A través deste Plan trataremos de adaptarnos ás novas realidades que se vaian presentando e, ao mesmo tempo, é un Plan que dá resposta ás necesidades actuais do Grupo, un Grupo que busca consolidarse como unha institución de referencia", indicou o presidente saínte do Grupo e alcalde de Salamanca, Julián Lanzarote. O 30 de xuño asumirá a presidencia o alcalde de San Cristóbal de La Laguna, Fernando Clavijo.

Compartir: