EMPREGO

Os Cursos de Formación para o Emprego de Promoción Económica forman a 45 persoas

17/06/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, asistiu á apertura dos tres Cursos de Formación para o Emprego que lle concedeu a Consellería de Traballo ao Concello de Santiago para 2010. Son Electricista de edificios, Fontanaría e Instalador/a de gas. Contan con 45 prazas, 15 por especialidade. Suman 2.475 horas lectivas e contemplan prácticas en empresas.

O alumnado recibe a formación teórica no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns. As especialidades que se imparten están destinadas a persoas desempregadas e escollidas en función da demanda do mercado laboral. Unha vez rematado o período de formación, o alumnado, igual que en anos anteriores, realiza as prácticas en empresas e entidades fidelizadas pola Concellaría.

O curso de Electricista de edificios conta con 900 horas lectivas e capacitará ao alumnado para montar, instalar, realizar o mantemento e reparar liñas eléctricas de baixa tensión, cadros e automatismos eléctricos, aparatos e máquinas eléctricas estáticas e dinámicas e instalacións singulares de edificios. Fontanaría conta con 790 horas, nas que o alumnado aprenderá a realizar instalacións de auga interiores e a montar aparellos sanitarios. Instalador/a de gas, con 785 horas de duración, ensinará ás persoas participantes a calcular, deseñar e construír instalacións receptoras de gas en vivendas, en zonas comúns de edificios e en instalacións industriais.

As tres especialidades impártense no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns, avalado co Certificado de Calidade UNE-EN-ISO 9001 pola European Quality Assuranse (EQA). Este recoñecemento garante o factor de calidade aplicado á formación, entendida como un produto adaptado ás necesidades do alumando e, ao mesmo tempo, avalía a prestación dun servizo con criterios de eficiencia e eficacia, tanto no seu desenvolvemento como na súa xestión.

Os Cursos de Formación para o Emprego 2010 contan cun orzamento de 313.405 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia. Enmárcanse no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego asinou o 1 de abril de 2009 con outras seis entidades vinculadas ao mercado laboral.

Compartir: