EDUCACIÓN

Xubi guiará os escolares no descubrimento dos valores do Camiño de Santiago

17/06/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, participou no acto de presentación da mascota oficial da peregrinación a Santiago, Xubi, aos pequenos do CEIP Raíña Fabiola.

O obxectivo deste acto era achegar á infancia a figura de Xubi -mascota adoptada pola Fundación Ad Sanctum Iacobum Peregrinatio e creada por Alberte Permuy- como elemento de transmisión dos valores relacionados coa peregrinación do Camiño: a solidariedade, o esforzo, o compromiso e o respecto. Será un recurso de información e de coñecemento non só para os peregrinos, senón para todas aquelas persoas que participen do Ano Santo e o Camiño de Santiago, entre os cales se encontran os escolares de Compostela.

Está prevista a publicación dunha unidade didáctica dirixida ao profesorado, as familias e os máis pequenos, na que Xubi será o guía no descubrimento e posta en valor do Camiño, da peregrinación e da cidade de Santiago. Estudarán as súas características culturais, patrimoniais ou medioambientais mediante canles e elementos deseñados para a infancia, divertidos e accesibles. Será una oportunidade para que os pequenos tomen conciencia da importancia de respectar e coidar o ben común que o Camiño e o Ano Xubilar representan.

A Concellería de Educación convida aos nenos e nenas a formar parte do gran grupo de Xubiamigos e que compartan todas as inquietudes, anécdotas e experiencias que teñan sobre o Camiño. Poderán estar informados de todas as novidades na súa páxina web: www.xubi.es. Ademáis, en diversos espazos da nosa cidade, poderase atopar a Tarxeta de Xubiamigo.

Ademais da concelleira e dos alumnos e alumnas do CEIP Raíña Fabiola, participaron no acto o director do centro, Uxío Leira, e o creador da mascota, Alberte Permuy.

Compartir: