EDUCACIÓN

Movilab, un laboratorio sobre rodas para fomentar a curiosidade científica

16/06/2010 Ciencia sobre rodas. Un laboratorio móbil instalado no trailer dun camión que ten como obxectivo achegar a ciencia a un público heteroxéneo dende os seis aos 90 anos. O camión científico é a última iniciativa do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Fundació Padrosa para fomentar a cultura científica, e chegou a Santiago, onde permanecerá ata o 19 de xuño. Este camión está instalado no Paseo Central da Alameda.

Durante os catro días de visita, o Movilab ten previsto acoller a uns 1.200 visitantes en Santiago de Compostela, que se sumarán aos máis de 15.000 de 26 localidades polas que xa ten pasado. Neste momento, o Movilab ten rexistrada a asistencia de máis de 150 centros educativos, tanto de primaria como de secundaria. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de presentación deste tráiler laboratorio, acompañado de escolares dos colexios San Pelayo e Quiroga Palacios. A todos eles, animounos a ter "curiosidade" e e non descoidar este ámbito da súa formación.

Crear luz a partir dunha reacción química ou facer funcionar unha bombilla con materiais caseiros, extraer fíos de ADN das células da mucosa bucal do visitante e incluso observar con lupas binoculares a escama dun peixe, serán algúns dos experimentos que se poderán realizar dentro do camión Movilab. As instalacións móbiles están preparadas para levar a cabo dous talleres de xeito simultáneo, tanto para grupos escolares como para público en xeral.

O laboratorio permanecerá aberto o mércores, xoves e venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:45 horas; e o sábado de 10.00 a 13:45 e de 16:00 a 18:45 horas.

Reserva de centros educativos
A Concellería de Educación conta xa coa reserva de 350 alumnos/as de centros de educación primaria e secundaria de Santiago de Compostela que participarán en horario lectivo. Polas tardes e o sábado estará dispoñible para otros grupos, familias e público en xeral.

Con esta actividade dáse por finalizada a programación didáctica que durante todo o curso escolar o Departamento de Educación organizou en horario lectivo para os centros escolares de Santiago e comarca. Nesta programación participaron máis de 35.000 escolares de educación infantil, primaria e secundaria en ámbitos como a educación ambiental, a animación á lectura, a saúde, a seguridade vial, a música, o teatro, a ciencia, a danza ou a utilización didáctica da cidade.

Ademais do alcalde, participaron no acto a concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o xefe do Departamento de Educación, Xosé M. Rodríguez-Abella; a xefa do Departamento de Cultura Científica e da Innovación da FECYT, Rosa Capeáns; o director do Museo de Técnica do Ampurdá (Fundació Pedrosa), Juan Jesús Aznar i del Aguila; e o coordinador do Consello Superior de Investigacións Centíficas (CSIC) en Galicia, Uxío Labarta.

Direccións relacionadas



Compartir: