CENTROS SOCIOCULTURAIS

Mostra de banda deseñada galega nos centros socioculturais de Conxo e Fontiñas

15/06/2010 Despois de percorrer diversas vilas e cidades de Galicia, chega a Compostela o mellor da banda deseñada galega: unha exposición que abrangue as mostras Viñetas Descubertas e Miña Terra Galega.

A exposición permanecerá aberta ao público do 15 ao 30 de xuño nas bibliotecas dos centros socioculturais de Conxo e das Fontiñas. Trátase de case 80 cadros nos que se recolle a unha escolma da banda deseñada galega dos principais ilustradores/as de Galicia.

A mostra Viñetas descubertas. Certames galegos 2000-2008 está situada na biblioteca do Centro Sociocultural de Conxo, e recolle unha panorámica da obra realizada polos autores gañadores dos galardóns máis importantes destes últimos anos en Galicia. Inclúe unha representación do traballo de Marcos Calo, Mariano Casas, Cosme, Jano, Xoán Luís Pérez, Martín Romero, Antonio Seijas, David Rubín (encargado da elaboración do cartel oficial de Ficomic 2009) e Xacobo Fernández

Por outra banda, a mostra Miña Terra Galega resume a visión de oito dos creadores máis destacados actualmente en activo na nosa terra sobre os tópicos, verdades comunmente asumidas e temas relacionados con Galicia, a paisaxe, a música ou as fantasías populares. Diego Blanco, Manel Cráneo, Xosé Domingo, Alberto Guitián, Emma Ríos, Kiko da Silva, Iván Suárez e Alberto Vázquez son os autores representados na mostra a través de historietas de cinco páxinas creadas expresamente para o certame de Barcelona.

Compartir: