ALCALDÍA

Chao Rego, nomeado Fillo Adoptivo da cidade de Compostela

19/12/2005 Nun entrañábel acto e rodeado dos seus familares e amigos, o filósofo, teólogo, mestre e ensaísta Xosé Chao Rego foi nomeado Fillo Adoptivo da cidade o sábado 17 de decembro na Casa do Concello.

O galardoado sinalou, emocionado, que "as árbores morren de pé, mais morren" e lembrou que, á súa idade, "os sonos van poidendo máis que os soños". Ademais, amosouse contento pola distinción que lle outorga o Concello: "ser cidadán de Compostela debe ser unha cousa formidable".

Pola súa banda o alcalde, Sánchez Bugallo, manifestou no seu discurso que esta distinción supón "un obrigado recoñecemento á figura de Xosé Chao, Pepe Chao, teólogo, filósofo, mestre, ensaísta, queremos que sexa unha forma de contribuír, desde a tolerancia e o respecto, á construcción dunha sociedade máis xusta, máis aberta e máis dialogante. Falo de xustiza, de liberdade e de tolerancia precisamente, porque Xosé Chao, reúne na súa persoa todas estas características. Porque é, máis que ningunha cousa, e como demostrou ao longo dos anos, un home comprometido. Comprometido cos desfavorecidos, pero tamén comprometido coa terra e coa lingua, fiel aos seus ideais, transgresor e construtor a un tempo".

O Pleno da Corporación Municipal, celebrado o 30 de decembro de 2004 en sesión ordinaria, acordou por unamimidade designar fillo adoptivo da cidade a Xosé Chao Rego "ilustre escritor, resaltando a súa aportación á docencia, á lingua e á literatura e a Compostela, en recoñecemento ao seus méritos, desde hoxe, unha rúa da cidade leva o seu nome", segundo consta na acta do devandito pleno.

Vilalbés de nacemento (1932), Xosé Chao Rego ingresa no seminario de Mondoñedo aos dez anos. Estudou Filosofía en Salamanca e Teoloxía en Roma de onde regresa para poñerse ao fronte do Seminario Menor. Exerceu como párroco de Santa Mariña do Vilar en Ferrol durante dezasete anos.

En 1976 retírase da vida pública para adicarse ao estudio e á publicación de obras e artigos de temática cultural e relixiosa, o que provoca que actualmente sexa unha das principais figuras do ensaio sobre temas antropolóxicos e teolóxicos.

Foi promotor da revista de renovación cristiá "Irimia" e é colaborador habitual do xornal da Voz de Galicia. É o autor de obras como: "A condición homosexual", "A cousa principiou en Galicia", "A muller ¡que cale! Raíces do antifeminismo", "De Exipto chamei ao meu fillo", "Biblia popular galega", "Introducción ao Xénesis" e "¿Onde vai a igrexa?" entre outros moitos títulos.

En 1983 recibiu o Premio de Ensaio da Crítica, foi finalista do Premio Nacional grazas ao ensaio "Eu renazo galego" e no ano 2002 adicóuselle o Dia das Letras Chairegas.

O seu esforzo en prol da lingua e da cultura da nosa terra foi recoñecido tamén cunha rúa que leva o seu nome.

Documentos relacionados



Compartir: