XUNTA DE GOBERNO

Novas adxudicacións do FES 2010 por máis dun millón de euros

15/06/2010 A Xunta de Goberno adxudicou definitivamente catro contratos máis dos financiados a cargo do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FES 2010), por un importe que supera o millón de euros. Entre outros asuntos, tamén se deu conta da concesión dunha subvención de mais de 300.000 euros para accións formativas destinadas a desempregados.

A obra de maior contía adxudicada definitivamente é a de substitución de materiais e tecnoloxías na rede de auga e alumeado público, instalación de contedores subterráneos e mellora de seguridade viaria na rúa República do Salvador, no tramo comprendido entre Xeneral Pardiñas e o Hórreo), por un importe de 430.137 euros. Por un pouco menos, 407.821 euros, adxudicouse a intervención para a recuperación de zona verde no contorno do río Corgo (Salgueiriños).

Ademais, determináronse as empresas que, finalmente, acometerán a modernización e mellora da xestión e da atención social, por un importe de 86.199 euros, e a implantación dun portal de contratación pública electrónica, por 149.741 euros.

En materia de contratacións, procedeuse tamén a adxudicar a redacción do proxecto de rehabilitación dos restos dunha antiga fábrica de curtidos para a creación dun espazo de creación cultural en Belvís-Catalizador de Belvís, incluído no programa Urbana Santiago Norte, por 12.000 euros. De xeito provisional, acordouse a empresa que executará a prestación do servizo de acceso WIFI en espazos públicos de varias zonas, neste caso por un importe de 27.871 euros.

Finalmente, resólvese de mutuo acordo o contrato de execución das obras de rehabilitación da Casa de Brandía para centro sociocultural en Vidán (2ª fase), o que non implicará repercusión económica algunha para o Concello.

Subvención para formación
Na mesma sesión da Xunta de Goberno deuse conta da concesión dunha subvención de 313.405 euros pola Consellería de Traballo e Benestar para a realización de accións formativas para desempregados (Plan AFD 2010).

Aparcadoiro de Santa Marta
Tamén se deu conta da aprobación da tarifa do aparcadoiro de borde de Santa Marta. Será de 1,50 euros polo acceso, o que permitirá ao usuario estar estacionado toda a xornada. Unha vez posta en marcha a superficie estudaranse novas formas de fidelización e captación de usuarios. O horario será de 7:30 a 22:30 horas de luns a venres laborables, e de 7:30 a 14:30 horas os sábados laborables.

Apóstolo 2010
No ámbito da Concellería de Festas, iniciouse o expediente para contratar o arrendamento do material de son e iluminación preciso para os concertos que terán lugar na praza da Quintana durante as festas do Apóstolo 2010, cun tipo de licitación de 51.500 euros.

Escolas deportivas
Outro dos asuntos foi a aprobación da convocatoria de subvencións para escolas deportivas en 2010. Destinaranse 20.000 euros a estas escolas, que funcionan no entorno dun centro educativo e baixo o control dos clubs de base da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: