CONSORCIO

A Fundación Granell amplía as súas instalacións ata os 2.000 metros cadrados

11/06/2010 En obras. Do Pazo de Bendaña á Fundación Granell é o título da exposición que servirá para inaugurar a remodelada sede da Fundación Granell, en Santiago de Compostela logo dos traballos de remodelación e ampliación realizados polo Consorcio de Santiago.

Partindo dunha idea orixinal e baixo a coordinación do arquitecto do Consorcio Pablo Tomé, a exposición reúne unha serie de fotografías e vídeos que repasan as diferentes fases nas que se desenvolveron os traballos de remodelación e ampliación. A mostra tamén indaga na historia do pazo de Bendaña e dos seus moradores ao longo dos anos, dende os propios marqueses de Bendaña ata hoxe. O evento servirá para presentar os remodelados espazos da Fundación Granell, cunha nova disposición que mellora a circulación interna do edificio en tres partes diferenciadas: as zonas expositivas, as dependencias administrativas da Fundación e o baixo cuberta, que albergará a biblioteca de Eugenio Granell.

A exposición permanecerá aberta ata o 17 de xuño, en horario de 11:00 a 21:00 horas, excepto o domingo, de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é libre.

En obras é unha mostra ideada polo arquitecto Pablo Tomé na que os protagonistas son as persoas cuxas mans interviñeron nas obras de remodelación. A partir dunha secuencia de 1.000 fotografías, colocadas a modo de tira ao longo de 100 metros, pon de relevo o traballo humano que houbo detrás dos diferentes labores, que duraron dez meses, e nos que participaron albaneis, carpinteiros, ferreiros, pintores, electricistas, fontaneiros e escaiolistas. A exposición complétase cun son ambiente, tirado do propio día a día das obras, e cunha proxección audiovisual que reconstrúe o proceso de recuperación do patio interno do pazo, que dende agora actuará como nexo de unión das diferentes estancias.

A exposición tamén servirá para presentar un vídeo documental que repasa toda a historia do edificio, a partir das testemuñas orais dos seus propietarios e inquilinos, e que leva por título Do Pazo de Bendaña á Fundación Granell. A vida nun edificio. Nel aparecen paulatinamente os herdeiros dos marqueses de Bendaña, construtores do pazo, o seu sucesor, o conde de Canillas, e o vizconde de San Alberto, último propietario do pazo antes de pasar a titularidade pública. No vídeo faise repaso dos distintos usos do edificio: pazo, vivendas de aluguer, sede do Círculo Mercantil, ata que o Concello de Santiago faise cargo del e é destinado a sede da Fundación Granell, dende 1995.

As obras de remodelación
En marzo de 2009 comezaban as obras de remodelación e ampliación da Fundación Granell, situada no pazo de Bendaña, un dos mellores exemplos do barroco civil compostelán, proxectado por Clemente Fernández Sarela en 1750. Os traballos viñeron marcados pola anexión da superficie ocupada ata agora dentro do inmoble pola Empresa Municipal de Vivenda (EMUVISSA). Para estas obras, levadas a cabo pola construtora Diconsa, o Consorcio destinou 534.151 euros. Esta ampliación, que supón un incremento de máis de 400 metros, permitirá á Fundación Granell dispoñer de máis de 2.000 metros cadrados útiles.

Dende o punto de vista funcional, reordenáronse as necesidades da Fundación Granell adaptándoas ás características do edificio. Así, os lugares públicos de exposicións xiran arredor da escaleira principal do Pazo, reservando os espazos administrativos á área en contacto coa medianeira da rúa do Vilar e con acceso propio dende a propia rúa.

Na primeira planta reordénase o espazo expositivo, destinando as zonas que non posúan iluminación natural para a nova ubicación de almacenaxe e obradoiro de conservación do Museo. Con esta operación libérase a planta baixo cuberta destinándoa totalmente ao uso da biblioteca, que incrementará os seus fondos coa incorporación da biblioteca persoal de Eugenio Granell, á máis ampla especializada no Surrealismo mundial.

Tamén se recupera o patio interior de 60 metros cadrados que actuará a modo de espazo de unión entre as diferentes estancias, así como de lucernario para as oficinas situadas no seu baixo. Remodelouse a escaleira de acceso dende a rúa do Vilar, que agora tamén comunica coa segunda planta, permitindo diferenciar as dependencias administrativas da Fundación Granell, con acceso dende a propia rúa do Vilar, e as áreas expositivas, con acceso dende a praza do Toural. Do mesmo modo recuperouse a terraza exterior e ampliouse a capacidade dos aseos.

Intervencións anteriores
O edificio do Pazo de Bendaña ten experimentado distintas intervencións dende a súa construción a finais de século XVIII. Un século despois reestrutúrase o basamento da edificación, cambiando a distribución e tipo de oco cara á rúa do Vilar e praza do Toural, permitindo a existencia de tipos distintos ao principal na planta baixa do edificio.

Na década dos anos oitenta, o baixo comercial ocupado por un supermercado realiza unha estrutura de formigón baixo a proxección da terraza actual, onde se sitúa unha entreplanta dedicada á almacén.

Por último, no ano 1998, rehabilítase o baixocuberta, poñendo en uso o espazo para ubicar a biblioteca da Fundación e dotando a esta dun ascensor que facilite o acceso a este novo espazo.

Compartir: