ALCALDÍA

O aforro nos orzamentos de 2010 achegarase aos sete millóns de euros

11/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou ao aforro final nos orzamentos ordinarios de 2010 se achegará aos 7 millóns de euros. A novidade das contas, como xa reiterara nunha comparecencia anterior, estará nos capítulos nos que o Concello aforrará dous millóns a maiores dos recortes previstos.

O recorte final de case 7 millóns é a suma dos 3,5 millóns de aforro xa establecidos en xaneiro, dos 1,2 millóns derivados do recorte do 5% no salario dos funcionarios e dos 2 millóns que se terán que aforrar a maiores. Entre os obxectivos, sinalou o alcalde, está que "se é posible, a redución en actividades sexa menor ao millón de euros".

O capítulo que si se verá afectado por este recorte adicional será o das subvencións, ás cales o Concello viña dedicando uns 2,8 millóns de euros. "Teremos que facer unha prelación de entidades; algunhas non se verán afectadas e outras si, aínda que se intentará que as subvencións resulten afectadas o menos posible", indicou Sánchez Bugallo.

Anunciou que, para martes ou mércores, Intervención "terá todos os datos para pechar os documentos", os cales, reiterou, "implicarán recortes en todos os ámbitos". Neste sentido, indicou que para finais de xuño está previsto que se aprobe un "catálogo de medidas de aforro" adicional ao xa establecido para minorar o gasto corrente.

Cambios accionariais
A propósito de diversas informacións xornalísticas sobre cambios accionariais de empresas que forman parte dalgunhas concesións municipais, Sánchez Bugallo dixo que "o Concello non ten a día de hoxe ningunha comunicación oficial de cambios accionariais".

De producirse eses cambios, ao amparo do marcado pola normativa vixente e polos contratos desas concesións, o alcalde aseguroulle aos cidadáns que "o Concello non permitirá ningún cambio que afecte ás obrigas e prestación dos servizos". "O Concello non di a quen ou a quen non deben vender; unha vez comunicadas estas operacións, verificaremos que se cumpran as condicións dos contratos", insistiu. En calquera caso, comentou, "a normativa di que a empresa que compra debe ter as mesmas garantías de solvencia que a que vende e, nestes momentos, non parece que a compradora ofreza menos garantías que a vendedora".

Compartir: