PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Proxecto Anatole aposta pola calidade dos mercados de proximidade

11/06/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; a técnica da Asociación AD ERRA, Rosa Leis; e o secretario da Asociación Terras de Compostela, Roberto Pardal; presentaron a xornada informativa Proxecto Anatole (Atlantic Network’s abilites for tows to organise local economy), que se celebrará o 28 de xuño, ás 17:30 horas, na Fundación Caixa Galicia (rúa do vilar, 19).

Baixo o lema "Unha aposta pola competitividade e calidade dos nosos mercados para o desenvolvemento da economía de proximidade" e promovido pola Asociación de Cámaras Agrarias do Arto Atlántico, o Proxecto Anatole é unha iniciativa transnacional para promover o intercambio de experiencias, a aprendizaxe intercultural, a formación e a conformación de redes no ámbito do desenvolvemento de mercados de proximidade para o sector primario. Os seus obxectivos son:
• Traballar na adopción de políticas e estratexias que favorezan o desenvolvemento da economía de proximidade.
• Promover a produción local dos territorios rurais periféricos a Santiago, co fin de favorecer a súa comercialización e consumo nos mercados de proximidade.
• Establecer un modelo innovador na organización da economía de proximidade que favoreza un desenvolvemento urbano-rural sustentable, con capacidade de transferencia e aplicación noutros territorios.
• Crear unha rede europea de intercambio de experiencias e creación de novos modelos de organización para unha economía de proximidade con dimensión atlántica.

Financiado polo programa europeo Espazo Atlántico con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), o Proxecto Anatole analiza as posiblidades de comercialización que o sector agrario ten no ámbito urbano a través do desenvolvemento de mercados de proximidade. Un desenvolvemento que implica efectos positivos para o medio ambiente, para os modelos de consumo urbanos, e para a creación de postos de traballo asociados á creación de actividade económica. Ademais, os resultados desta análise poden ser beneficiosos na redacción e aplicación de políticas relacionadas co sector agrario local, que non sempre atopa canles para a promoción e venda dos seus produtos no entorno máis próximo (a pesares da alta valoración que teñen entre os/as consumidores/as); coa artesanía, un sector moi dinámico e vinculado ao Camiño de Santiago, que ofrece unha oportunidade para o desenvolvemento de proxectos de dinamización; e coa enogastronomía, un eido no que Compostela pode aportar a experiencia adquirida na organización de eventos como o Fórum Gastronómico.

No Proxecto Anatole participan tres modalidades de socios do espazo atlántico europeo: os socios operadores técnicos, as cidades asociadas, e a CAVV (Conférence des Villes de L'Arc Atlantique). O promotor do proxecto é AC3A de Francia (Asociación de Cámaras de Agricultura do Arco Atlántico francés). Os operadores técnicos son a Deputación de Huelva, IMK (Itsasmendikoi), ADTERRA, IERU, Nantes Metropole, Irish Exporters / Weasthmeath, e Community Development. As cidades asociadas son Huelva, San Sebastián, Santiago de Compostela, Aveiro, Nantes, e Dublín.

O promotor institucional do proxecto en Galicia é a Concellaría de Promoción Económica e Turismo de Santiago de Compostela, e o operador técnico a asociación ADTERRA. O territorio rural de incidencia é o correspondente ao GDR 24 Terras de Compostela do Programa LEADER, no que está integrado Santiago.

Compartir: