CULTURA E MEDIO AMBIENTE

"Vive o verán" amplíase a xuño e setembro

10/06/2010 As concelleiras de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, presentaron o programa de activiades ao aire libre Vive o verán, que acada este ano a súa terceira edición.

Socorro García explicou que o programa foi evolucionando co paso dos anos para adaptarse aos gustos do público. Naceu porque "a actividade dos centros socioculturais decaía durante o verán", cando a xente prefire estar ao aire libre. Así, Vive o verán creouse hai dous anos "cunhas propostas que sexan alternativas que promovan o encontro interxeracional e o coñecemento da nosa riqueza natural na enorme rede de parques".

Entre as principais novidades deste ano están as Tardesdarte, a Busca do tesouro ou as visitas aos balcóns da cidade. Inaugúrase un ciclo de teatro de rúa e, por primeira vez, esténdese o programa á segunda metade do mes de xuño e á primeira de setembro, ademais de xullo e agosto.

O programa deste ano 2010 íase inaugurar o sábado 12, coa celebración da Romaría dos Centros Socioculturais na carballeira de Nemenzo, pero as inclemencias meteorolóxicas obrigarán a adiar a festa. A seguinte cita será a Feira do Sol, o 19 de xuño na Alameda.

Algunhas actividades xa son tradición na cidade. Así, as prazas da saída ao albergue da Arnela xa se esgotaron o primeiro día, segundo explicou Socorro García. Na programación colaboraron, ademais, entidades como Arteria Noroeste ou o Club Astronómico Vega, que organiza observacións do ceo en diferentes espazos.

A oferta é maioritariamente de balde, con "algunhas actividades que precisan inscrición previa e outras teñen un prezo de inscrición, como as viaxes ao parque acuático de Cerceda ou os campamentos". A pasada edición contou con máis de 4.000 participantes. Socorro García confiou en que este ano "se superen as 7.000".

A natureza como escenario
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, salientou a importancia "da natureza como escenario e recurso para a observación, a aprendizaxe e a interpretación". Repasou algúns dos espazos nos que se desenvolverá o programa, como a carballeira de Nemenzo ou a Alameda, que aínda así segue a ser bastante descoñecida. "É importante coñecer os elementos naturais e escultóricos que existen nela", explicou Cienfuegos, polo que haberá visitas guiadas os luns para coñecela, e os xoves e os sábados "polos diferentes parques e espazos naturais".

Elvira Cienfuegos anunciou que tamén "haberá saídas monográficas, para recoller plantas de San Xoán e herbas medicinais". Como se está a conmemorar o Ano da Biodiversidade, resaltou a importancia de manter o contacto e a utilidade da natureza. O programa Vive o verán cualificouno como "unha maneira diferente de vivir o verán dun xeito san".

Compartir: