CENTROS SOCIOCULTURAIS

O centro sociocultural do Castiñeiriño celebra un ano de vida

15/12/2005 Dentro dos actos de celebración do primeiro aniversario do centro, haberá un encontro con Suso de Toro.

O 17 de decembro o centro sociocultural do Castiñeiriño está de aniversario. Ás doce da mañá a concelleira de Centros Socioculturais Mercedes Rosón inaugurará esta xornada conmemorativa, que comezará coa actuación da coral do Castiñeiriño. Ademais, o centro acollerá dúas exposicións: unha mostra de escultura de Ramón Conde e a exposición fotográfica "Un ano de funcionamento". Logo será o turno dos contacontos para nenos con Trinke-trinke e invitarase aos asistentes a un aperitivo.

Ás 13 horas está programado un encontro con Suso de Toro, e ás 16 horas, unha gynkana ciclista para rapaces de ata 14 anos. Ás 17 haberá un baile para maiores amenizado polo Dúo Master, e para rematar ás 19 horas, comezará o festival de música xoven e o obradoiro de cociña de Nadal.

O centro sociocultural do Castiñeiriño foi inaugurado o 12 de decembro de 2004, incorporándose á ede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela, xunto cos de Vite, Conxo, Fontiñas, A Trisca e máis de trinta locais socioculturais distribuídos polo municipio. O seu obxectivo é conformarse en punto de encontro e de relación entre os veciños do barrio, ofrecendo actividades culturais, deportivas e de lecer para todos os gustos e idades.

Situado na rotonda do Castiñeiriño e deseñado polo arquitecto Alfredo Varela Nogueira, o centro conta cunha superficie total construida de 450 m2 nunha parcela cunha superficie de 1.375,75 m2. O investimento realizado na súa construción foi de máis de 271.000 euros

Documentos relacionados



Compartir: