MERCADOS E FESTAS

O Concello anima os cidadáns a participar na representación medieval da coroación de Alfonso Raimúndez como rei de Galicia

02/06/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurará o venres 4, ás 12:30 horas, na praza do Toural, a III Feira Medieval, que se prolongará ata o domingo 6. O Concello quere animar a todos os veciños e veciñas a participar do ambiente e das actividades desta celebración e, sobre todo, a unirse cos seus vestidos de época á representación histórica da coroación de Alfonso Raimúndez como rei de Galicia o sábado 5, a partir das 19:00 horas, polas rúas e prazas da Cidade Histórica.

Para facilitar o labor dos cidadáns que queira participar nesta recreación medieval e así poder coordinar os vestiarios de época, a Asociación Compostela Vella puxo a disposición de todos os veciños un teléfono: 662 438 264. Esta entidade tamén está a animar aos veciños do casco histórico a que engalanen os seus balcóns para esta Feira. O Concello facilita adornos con este fin.

O sábado 5 de xuño, ás 19:00 horas, partirá de San Domingos de Bonaval a comitiva que recreará a coroación do neno Alfonso Raimúndez como rei de Galicia polo bispo Diego Gelmírez, o 17 de setembro de 1111. Con estes feitos históricos como motivo, o grupo de actores de Dítea Teatro parará na praza da Inmaculada, na praza de Cervantes e no Toural para realizar varias representacións. Finalmente, recrearase a coroación na praza da Quíntana.

Máis de 50 actores e actrices darán vida a estas personaxes do século XII, pero a intención municipal é que os cidadáns se sumen a este vistoso percorrido, e mellor aínda se o fan debidamente caracterizados. Por iso, o Concello reitera o seu alento a todos os veciños e veciñas para que participen, pois esa será unha boa maneira de reforzar a singularidade da Feira Medieval de Santiago.

A implicación cidadá non queda aí, pois á participación na Feira dalgúns comercios tradicionais de Compostela, únese o papel de varios establecementos hostaleiros da Cidade Histórica, que elaborarán tapas e menús medievais para a ocasión. En concreto, haberá tapas medievais en: Abastos 2.0, A Cova do Feo, Café Bar Bicoca, Cafetería República, Garum Bistró e Tránsito dos Gramáticos. Os menús da época poderán degustarse nos seguintes establecementos: A Curtidoría, Bierzo Enxebre, Casa Felisa, Casa Rosalía, Garum Bristró, O Celme do Caracol e Tafona Casa de Xantar.

Máis alá deste participativo espectáculo, ao longo dos tres días da Feira sucederanse diversas representacións medievais e actividades. Non faltarán nas rúas pícaros, xograres, bufóns e cabaleiros para interactuar co público.

Polo que se refire ao propio mercado medieval en si, os postos distribuiranse por rúas e prazas, coa limitación de que neste Ano Santo non se poderán situar na Quintana. Durante os días 4, 5 e 6 de xuño repartiranse por: praza de Cervantes, rúa Acibechería, praza da Inmaculada, praza de San Martiño Pinario, rúa das Casas Reais, praza de Salvador Parga, rúa da Algalia de Arriba, Pescadería Vella, cantón do Toural, rúa das Orfas, rúa da Caldeirería, rúa do Preguntoiro, travesa de San Paio de Antealtares, praza de Feixó, Antealtares, rúa da Conga e rúa Nova.

Colaboración cidadá
O Concello de Santiago solicita aos residentes que non aparquen os seus vehículos nas rúas reservadas para a Feira Medieval, co fin de no obstaculizar tanto o propio mercado como o percorrido que se realizará o sábado 5.

Direccións relacionadas



Compartir: