SEGURIDADE CIDADÁ

Ábrese ata o 17 de xuño o prazo de solicitude de permisos para cacharelas

01/06/2010 A Concellería de Seguridade Cidadá fai públicas as normas de seguridade e de xestión de permisos para as cacharelas na na vía pública na noite San Xoán ou en calquera outro día do mes de xuño. A Xunta de Goberno deu o visto bo a estas normas e a prazo de solicitude destas fogueiras ou sardiñadas, aberto ata as 14:00 horas do 17 de xuño

As normas distinguen entre a celebración de fogueiras ou sardiñadas en propiedade privada ou na vía pública. Neste último caso só poderán celebrase as solicitadas por colectivos ou asociacións. Tanto persoas como organizacións ou comunidades deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI dos responsables da organización ou comunidade, así como todos os datos que constan no modelo de solicitude. As persoas responsables teñen que ser maiores de idade.

No caso de fogueiras en espazos públicos, a solicitude debe ir acompañada dun plano de situación do lugar onde se situará a cacharela, así como da situación de todos os elementos. Está prohibida expresamente a celebración de fogueiras nas seguintes prazas: Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada e Mazarelos.

Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080). Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas. Ademais, deberase limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

Límites, prohibicións e horario
En canto ás características das cacharelas, na zona urbana o volume de combustible no superará os seis metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o voume máximo será tres metros e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de dez centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para celebración de festas e romarías populares.

A concesión das solicitudes será aprobada pola Xunta de Goberno, bo visto bo previo do Servizo de Extinción de Incendios e da Policía Local, e co informe favorable da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico para aquelas fogueiras situadas no seu ámbito de actuación.

Documentos relacionados



Compartir: