PLENO

Os cidadáns presentaron 87 queixas e suxestións no Concello durante o 2009

27/05/2010 A concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, deu conta por escrito ao Pleno municipal do informe anual das queixas e suxestións presentadas no Concello no ano 2009. Na mesma sesión ordinaria aprobouse inicialmente a Ordenanza municipal reguladora da emisión de ruídos, vibracións e condicións dos locais.

O informe anual da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións indica que ao longo de 2009 presentáronse 87 queixas e suxestións. Do total de presentacións, 70 foron queixas e 14 suxestións. Unha foi desestimada e outras dúas consideradas improcedentes. A media de queixas ano é de 7,25 queixas ao mes e de escasamente unha suxestión ao mes.

A modo de resumo, as queixas de Atención ao Contribuínte tiveron que ver fundamentalmente coa necesidade de incrementar o número de persoas que prestaban atención ao público ou con problemas na tramitación. No informe indícase que se adoptaron dúas medidas que están a contribuír de xeito significativo a mellorar o sistema de atención: estableceuse un sistema de cita previa para os trámites complicados e de longa duración, habilitouse un punto de atención inmediata para os trámites sinxelos e de corta duración e implementáronse accións formativas específicas para o persoal deste departamento. Dende entón non se teñen presentado queixas por estes motivos na Oficina Municipal de Atención ao Cidadán e constatouse unha mellora sensible respecto aos tempos de espera.

En canto ás queixas/suxestións dirixidas ao Departamento de Tráfico, oito refírense a problemas de aparcamento, circulación ou sinalización, e catro a problemas na xestión. Comprobáronse os feitos indicados e adoptáronse diferentes solucións. Nos casos en que non foi posible, xustificáronse as medidas adoptadas.

As reclamacións a Obras e Proxectos refírense ao mal estado do firme das calzadas, alumeado público e peche de rúas por obras e maleza. Na maior parte dos expedientes deuse solución aos problemas arranxando as deficiencias.

No caso das queixas e suxestións dirixidas a Servizos Básicos, teñen que ver fundamentalmente co funcionamento inadecuado de transporte público, máquinas ORA, colectores de lixo e auga. Na maior parte dos expedientes déuselle solución ao problema.

Respecto das queixas ou suxestións á Policía Local realizáronse as pertinentes averiguacións e notificouse aos interesados a conformidade do Concello coas actuacións policiais, sen que ningunha resposta fose obxecto de reclamación posterior. Finalmente, no caso dos Centros Culturais, a maioría de reclamacións refírense á necesidade de mellora de instalacións, e hai unha sobre a organización dunha viaxe.

Tamén recordou a concelleira que se adoptaron medidas xerais no caso dos temas relativos ao Rexistro, consistentes na comunicación das instrucións do secretario xeral do Goberno Municipal para o persoal que presta o servizo de rexistro os sábados e días similares.

A maior parte das queixas foron presentadas a través do Rexistro Xeral. Unha porcentaxe moi pequena foi presentada utilizando a Carpeta Cidadá. É previsible, segundo a Comisión, que os cidadáns utilicen cada vez máis a vía telemática para a presentación das súas queixas e suxestións.

Ningunha problemática grave
O informe da Comisión conclúe que non hai "ningunha área con problemática grave. O número de actuacións municipais ao longo do ano é moi elevado e o número de queixas presentadas é escaso, polo que non se observa a necesidade de facer recomendacións de carácter xeral ou propoñer medidas especiais".

Segundo a concelleira, este instrumento de participación dos cidadáns "permítenos recoller as súas achegas para contribuír a mellorar a xestión dos asuntos públicos e, en definitiva, trátase dunha ferramenta que posibilita unha administración máis eficiente".

Compartir: