PLENO

O Pleno municipal aproba inicialmente a Ordenanza reguladora da emisión de ruídos e condicións dos locais

27/05/2010 Na sesión ordinaria do Pleno municipal aprobouse inicialmente por unanimidade a Ordenanza municipal reguladora da emisión de ruídos, vibracións e condicións dos locais, co obxecto fundamental de adaptala á normativa vixente.

A nova Ordenanza de emisión de ruídos, vibracións e condicións do locais supón a modificación de varios artigos co obxecto de adaptalos ás normas vixentes. Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, os cambios teñen varios obxectivos: clarexar cuestións que suscitaban problemas interpretativos; corrixir carencias en materia de elementos como fíos musicais, aire acondicionado ou fumes; suprimir esixencias de difícil cumprimento dadas as limitacións nas intervencións na Cidade Histórica en fachadas e illamentos; e incorporar avances producidos nos materiais de insonorización, entre outros aspectos. Tamén hai modificacións no prazo das licenzas e nas esixencias de tamaño para determinados usos comerciais no Casco Histórico.

Indicou a concelleira que estes cambios teñen como meta fundamental "garantir que non se produzan molestias aos veciños", e tamén facilitar o labor dos técnicos encargados desta materia.

Modificación puntual do SUD-7 de Vite de Arriba
Tamén en materia de urbanismo, aprobouse provisionalmente cos votos do grupo de Goberno a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal no ámbito do solo urbanizable delimitado número 7 (SUD-7), en Vite de Arriba. Este cambio ten por obxecto unha mellora da ordenación urbanística e unha mellor integración do sector no seu contorno. Así, proponse unha conexión alternativa do sector coa rúa de Vite de Arriba sobre terreos con menor desnivel e sen edificacións, modifícase a delimitación da zona verde prevista no PXOM, incorpóranse ao sector parcelas limítrofes e delimítanse as áreas de conexión do sector coa rede viaria existente a través de parcelas exteriores.

Centro de saúde de Galeras
Na sesión do Pleno deuse o visto bo, cos votos dos grupos municipais socialista e nacionalista, a unha proposición presentada polo PSdeG-PSOE instando á Consellería de Sanidade para que "proceda a licitar a construción do Centro de Saúde de Galeras conforme aos acordos adoptados entre a Consellería e o Concello de Santiago.

Recórdase no texto que xa transcorreu ano e medio dende a constitución da Comisión Técnica de Seguimento Servizo Galego de Saúde-Concello de Santiago, e da presentación do proxecto arquitectónico do Centro, cun custo de execución de catro millóns de euros. O Consello da Xunta aceptou a cesión da parcela en xullo de 2009. Dende entón, dise, "non se ten avanzado no mesmo".

Memoria histórica
Cos votos favorables de socialistas e nacionalistas, aprobouse outra proposición presentada por estes últimos na que se aposta por "realizar un censo coa simboloxía franquista existente na cidade e proceder á obriga legal da súa retirada dos espazos públicos, retirando incluso calquera tipo de axuda a aqueles colectivos que neguen a súa colaboración tal como contempla a Lei de Memoria Histórica. Neste sentido o Concello de Santiago comezará de inmediato cos trámites necesarios para a retirada da inscrición existente na praza da Quíntana".

Nesta proposición tamén se establece o compromiso de promover "a dignificación, recuperación e reivindicación dos/as naturais ou veciños/as que sufriron a represión franquista" e de "dedicar o nome de novas rúas a persoas que sufriran a represión franquista". Neste sentido, póñense como exemplos a José Germán Fernández, membro da corporación e alcalde accidental da cidade nos días do levantamento militar e executado o 3 de decembro de 1936, e o compostelán Agustín Jorge Echeverri, que foi alcalde de Cangas e tamén executado o 24 de setembro de 1936.

Finalmente, ínstase á Xunta de Galicia a "restablecer a colaboración existente na lexislatura anterior coas asociacións de recuperación da memoria histórica" e a "colaborar co Goberno do Estado para a elaboración do mapa de foxas necesario para a localización o paradoiro dos represaliados durante a Guerra Civil e a ditadura"

Pensións
Unha última proposición que saíu adiante, pero neste caso cos votos a favor de BNG e PP e o posicionamento en contra do PSdeG-PSOE, foi a presentada polos populares rexeitando o anuncio do Goberno de conxelación das pensións.

Compartir: