ALCALDÍA

O alcalde reducirá o seu salario na mesma proporción que os conselleiros da Xunta

27/05/2010 As retribucións do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reduciranse na mesma proporción que os conselleiros da Xunta de Galicia. De tal xeito, esta diminución estará entre o 9% fixado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a porcentaxe que acorde finalmente o Goberno autonómico.

Sánchez Bugallo xustificou esta medida por estar o seu cargo de alcalde no nivel retributivo dun conselleiro da Xunta. A FEMP aprobou a nivel xeral unha diminución dos salarios dos alcaldes dun 9%, pero a redución do rexedor compostelán podería chegar ao 15%. A porcentaxe final dependerá do que decida o Goberno autonómico. A minoración aplicarase xa na nómina de xuño.

No caso dos concelleiros, de acordo coa proposta da FEMP, a redución será dun 8% nos seus salarios. Non obstante, como xa dende o inicio do ano se lles viña aplicando unha rebaixa do 3%, esta porcentaxe deducirase da redución xeral prevista a partir de xuño. Todas estas medidas deberán ser ratificadas na Xunta de Goberno do 8 de xuño e, posteriormente, polo Pleno na sesión do 24 de xuño, salvo que se considerara necesario facelo nun pleno extraordinario anterior.

Límite de endebedamento
A propósito da moratoria dada aos Concellos na prohibición de subscribir novos créditos, indicou que dá "tranquilidade" a moitos municipios. No caso de Santiago, dixo, xa se aprobara un crédito extraordinario de 4,2 millóns de euros e "está por decidir se o tope de endebedamento que tiñamos previsto para este ano 2010 queda nos 4,2 millóns ou chegamos aos 7".

Teleférico ao Gaiás
Preguntado polos estudos sobre o metro lixeiro encargados pola Xunta, lembrou que este proxecto está aínda "nunha fase embrionaria". Amosouse favorable ao metro lixeiro co aeroporto e con outros municipios da Comarca pero, con respecto á conexión coa Cidade da Cultura, remitiuse ao estudo realizado no seu día polo Consorcio de Santiago.

"Estudouse a posibilidade de minimetro, metro lixeiro e teleférico, e este último é o máis barato, máis áxil, máis vistoso e de menor impacto dende o punto de vista das obras", apuntou. "A Xunta ten á súa disposición estes estudos", engadiu, esperando que "estes estudos non sexan unha coartada para demorar a decisión".

Compartir: