EDUCACIÓN

Mesas informativas, campañas nos colexios e menús sen glute no Día Nacional do Celíaco

26/05/2010 As concelleiras de Educación, Mercedes Rosón, e de Benestar Social, Mar Martín, xunto con Isabel Capdevila, delegada en Santiago da Asociación de Celíacos de Galicia, presentaron esta mañá as actividades que se realizarán mañá xoves, 27 de maio, con motivo do Día Nacional do Celíaco. Haberá mesas informativas, campañas nos colexios e menús aptos para celíacos para conmemorar esta data, coa que se reivindica a plena integración do celíaco na sociedade.

Ao longo do día, instalarase na praza do Toural unha mesa informativa para dar información e divulgar a enfermidade celíaca entre a poboación en xeral. Ademais, repartiranse folletos informativos aos alumnos de 6º de primaria dos colexios públicos de Santiago.

Coa colaboración das direccións e do persoal de cociña de varios centros, farase posible que o menú deste 27 de maio sexa apto para celíacos. No caso do municipio de Santiago, estes menús prepararanse no Centro Superior de Hostelería (A Varcia), no Colexio Compañía de María, no CIFP Compostela (Lamas de Abade) e no CEIP Lamas de Abade.

Estas actividade serven de prolegómeno ao Encontro Anual dos Celíacos de Galicia, que se celebra na cidade o sábado 29 de maio. Realizarase a tradicional comida de confraternidade, talleres infantís e as habituais presentacións das casas comerciais. E con motivo do Ano Santo, tras a comida, todos os participantes partirán cara a Catedral de Santiago, onde asistirán á misa do peregrino e onde realizarán unha ofrenda ao Apóstolo. O lugar de encontro será o IES de Fontiñas.

A enfermidade celíaca
A enfermidade celíaca é unha intolerancia permanente ao glute e a enfermidade crónica intestinal más frecuente en España. Estímase que unha de cada cen persoas é celíaca. Máis de 4.000 persoas son diagnosticadas anualmente en España. Aínda así, calcúlase que aproximadamente o 90% dos celíacos españois descoñece que padece a enfermidade.

O glute é unha proteína que se atopa en trigo, cebada, centeo, espelta, kamut, triticale e, posiblemente, avena. A súa inxestión produce unha atrofia das vilosidades do intestino, o que implica unha mala absorción dos nutrientes (proteína, graxas, hidratos de carbono, sales minerais e vitaminas).

O único tratamento é levar unha alimentación exenta de glute durante toda a vida. Deste xeito conséguese a normalización clínica e funcional de las vilosidades intestinais. A dieta sen glute conséguese mediante o consumo de produtos naturais como carne, pescado, froitas, verduras, leite, e produtos especiais aptos para celíacos elaborados a partir de fariñas de millo ou arroz (pasta, pan, galletas, doces, biscoitos…). Deben evitarse, en principio, aqueles produtos manufacturados ou manipulados pola industria nos que non se teña una total garantía da súa composición ou da súa forma de elaboración. Ademais, ao tratarse dunha alimentación especial, a vida social do celíaco atópase restrinxida a uns poucos locais de restauración que ofrecen menú apto para celíacos.

O seguimento dunha dieta sen glute supón no ano 2010 un sobrecusto de 1.587,98 euros na cesta da compra. Por iso, a Asociación de Celíacos de Galicia reclama unha fórmula para que todos os celíacos reciban unha axuda económica por igual, como xa se fai en distintos países de Europa. Trátase de recoñecer os dereitos sanitarios do celíaco.

No Día Nacional do Celíaco quérese reivindicar a plena integración do celíaco na sociedade e, por outra parte, agradecer a todos os profesionais da sanidade, industria alimentaria, hostalería e distintas administracións que coa súa sensibilidade e dedicación colaboran en facer a vida do celíaco máis doada.

Entre as demandas dos celíacos figuran a elaboración dun plan de inspección anual que garanta o correcto etiquetado dos alimentos sen glute; protexer a saúde dos celíacos ao igual que se protexe a saúde do resto de cidadáns; campañas de información sobre a enfermidade; maior implicación no diagnóstico e seguimento do enfermo celíaco en atención primaria e especializada; garantía de seguridade nos menús de centros públicos; ou o fomento da investigación analítica e clínica.

Compartir: