ALCALDÍA

O alcalde falou coa conselleira de Traballo dos compromisos pendentes

25/05/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo unha reunión coa conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que lle presentou o anteproxecto de decreto polo que se aproban os estatutos da Axencia Galega de Servizos Sociais e informalo dos pasos que se van a seguir nos vindeiros meses.

A xuntanza forma parte da rolda de contactos que está a manter Mato cos representantes municipais para expoñerlles as características e contido da Axencia que integrará ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, unha vez que as características do organismo xa foron presentadas o venres 21 á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Así, no encontro a titular do departamento autonómico e o alcalde analizaron as posibles fórmulas de colaboración entre Administración autonómica e local neste eido, ao tempo que o rexedor coñeceu de primeira man os estatutos da Axencia.

Neste sentido, a conselleira comprometeuse a sacar a licitación antes do verán a compra do mobiliario para a residencia de maiores de Pontepedriña, posto que o remate da obra está previsto para xuño. O alcalde formuloulle tamén a posibilidade da construción dunha nova residencia de maiores en Fontiñas, que se levaría a cabo a través dun convenio entre o Concello e a nova Axencia Galega de Servizos Sociais. Doutra banda, o alcalde interesouse pola situación do proxecto do centro de menores de día de Fontiñas no terreo que o Concello puxo a disposición da Consellería, ao que a conselleira quedou en contestar nos vindeiros días.

Con respecto ao estado das escolas infantís, Beatriz Mato comprometeuse a que no verán se dispoña dunha partida para dotar de mobiliario e de material a escola infantil de Trasparlamento, e ademais contratar persoal. Esta escola estará rematada, previsiblemente, en setembro. Alcalde e conselleira falaron tamén da redacción dun convenio entre o Concello e a nova Axencia Galega de Servizos Sociais que integre a escola infantil de Salgueiriños –que acomete o Concello e cuxas obras saen a concurso en xuño e está previsto que se rematen en xullo de 2011-, e incorporar as escolas do Castiñeiriño e Santa Marta, cuxos terreos están xa ofertados á Xunta.

Compartir: