TURISMO

Santiago promociona en Frankfurt a súa oferta para turismo de congresos e reunións

25/05/2010 O Santiago de Compostela Convention Bureau, servizo de Turismo de Santiago para a promoción da cidade como destino para a celebración de congresos, reunións e incentivos, está presente no IMEX Frankfurt, que se desenvolverá ata o 27 de maio. O IMEX Frankfurt é unha das feiras máis importantes do mundo neste tipo de turismo, polo que a presenza do SCCB neste evento, no que xa estivo nos pasados anos, é continuar consolidando o posicionamento da cidade como un destino atractivo, de calidade e internacional para as empresas e entidade organizadoras de Congresos.

O SCCB acude ao evento cunha serie de reunións xa confirmadas con múltiples empresas e entidades que queren coñecer de primeira man a oferta de Compostela, entre as que hai empresas españolas, brasileiras, estadounidenses, italianas e, incluso, unha empresa da India. Ademais, a propia dinámica da feira propiciará múltiples reunións con touroperadores, organizadores de congresos, institucións, etc.

O IMEX de Frankfurt é un evento de dimensión mundial, como amosan os principais datos da edición do 2009, na que houbo 3.500 expositores de 157 países, que representaban a oficinas de turismo estatais e rexionais, cadeas hoteleiras, aeroliñas, provedores de servizos, touroperadores, axencias de viaxes, etc. En total, acudiron máis de 9.000 visitantes profesionais, procedentes de 60 mercados internacionais.

Xornalistas checos
Este mesmo día, Santiago acolle a visita dun grupo de xornalistas checos, a través dun presstrip no que colabora Turismo de Santiago. Proceden dos medios especializados en turismo máis importantes de Chequia. O programa deseñado para este grupo inclúe a visita ás cubertas da Catedral, asistencia á misa do peregrino, unha visita guiada polo Casco Histórico, incluíndo o Mercado de Abastos, o Museo do Pobo Galego e o Monte do Gozo.

Compartir: