XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as listas definitivas de admitidos nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas

25/05/2010 A Xunta de Goberno deu o visto bo ás listas de admitidos e excluídos nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas para o curso 2010-2011. Ademais, adxudicáronse definitivamente varios contratos dos incluídos no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FES 2010), e aprobáronse axudas para 16 vivendas do Casco Histórico.

Aprobadas as listas definitivas de admitidos e de espera, unha vez estudadas as reclamacións, expoñeranse as mesmas nos taboleiros de anuncios do Concello e das escolas Conxo e Fontiñas. O prazo de matrícula para todo o alumnado será do 1 ao 15 de xuño.

Adxudicacións FES 2010
Polo procedemento de urxencia ratificáronse as adxudicacións de tres contratos dos FES 2010: o de adecuación e sinalización do sendeiro autoguiado polos parques de Compostela, por 126.724 euros máis IVE; o de construción da rede de saneamento no refuxio de animais, por 79.700 euros; e o de implantación de servizos de administración electrónica na carpeta cidadá e nas oficinas de atención do Concello, por importe de 62.000 euros máis IVE.

Cidade Histórica
A proposta da concelleira de Cidade Histórica e Rehabilitación, outorgouse o visto bo a axudas para a rehabilitación de 16 vivendas. En total, as subvencións suman 131.887 euros.

Medio Ambiente
Finalmente, iniciouse o expediente de contratación das obras de substitución do depósito de augas de Brins, na parroquia de Figueiras, e de integración ambiental do contorno, cun tipo de licitación de 71.382 euros. Esta actuación permitirá dotar ao lugar un novo depósito potabilizador e o acondicionamento estético do mesmo.

Documentos relacionados



Compartir: