CULTURA

Curtocircuíto inaugura o V Mercado Internacional de Curtametraxes

24/05/2010 Hai xa cinco anos que Curtocircuíto puxo en marcha o Mercado Internacional de Curtametraxes, punto de encontro de profesionais de todo o mundo para coñecer as últimas novidades do sector. O martes 25 inaugúrase a súa quinta edición na Zona C cun Encontro Galego no que os máis importantes profesionais do audiovisual da nosa terra estarán presentes.

A partir das 18:30 horas desenvolverase este encontro no que, ademais, poderase asistir á presentación de Cinema ao revés, unha orixinal proposta que chega dende Francia na que, a través dos carteis expostos na Zona C, hai que crear unha película.

Ademais, tamén será presentada a REDNASA, unha nova canle por Internet creada pola Sala Nasa para que sirva como plataforma ao audiovisual feito en Galicia.

Curtocircuíto continúa coa súa programación para o público máis cativo e o Obradoiro de Animación na USC. Completando a programación, proxectaranse sete programas da competición oficial: Internacional 6, Explora 2, España 3, España 2, Internacional , Galiza 1 e Explora 3. Fóra da competición oficial, está a Carta Branca á Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián na Aula Sociocultural Caixa Galicia. E como todos os días, Curtocircuíto porá o colofón á xornada na Sala Nasa a partir das 00:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: