EDUCACIÓN

Un verán máis, o inglés dun xeito divertido

24/05/2010 A Concellería de Educación pon en marcha unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés (English Summer School) . Desenvolverase do 1 ao 30 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no IES Rosalía de Castro.

A apertura do prazo de inscrición para esta Escola foi comunicado en rolda de prensa pola concelleira de Educación, Mercedes Rosón. Ata o 5 de xuño poderán solicitar a súa participación os estudantes empadroados en Santiago de 1º de primaria a segundo da ESO (ambos inclusive). Segundo sexa o seu nivel de inglés serán logo incluídos nun ou noutro grupo.

A concelleira recordou que, unha edición máis, a Escola Municipal de Verán de Inglés combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos, cun dobre obxectivo: practicar e mellorar o inglés dos alumnos e procurar novas relacións socializadoras entre eles. As xornadas dividiranse entres bloques: un primeiro coa clase de inglés, a modo de reforzo do aprendido durante o curso escolar; unha segunda parte de obradoiros adaptados a cada nivel; e un terceiro bloque con actividades lúdicas diversas.

En canto aos obradoiros, impartidos integramente en inglés, igual que o resto de actividades, as opcións serán, entre outros: elaboración dun libro, cancións, teen life, magazine, role plays, pintura ou cociña elemental. Entre as actividades, contémplanse saídas ao mercado, aos servizos do Concello ou á rede de museos; e xogos e deportes ao aire libre.

Para este mes de Escola, os alumnos contarán, entre outros materiais, cunha mochila e cunha carpeta para gardar toda a información do curso. Tamén se repartirá unha guía didáctica, un manual para pais e nais e o pertinente diploma acreditativo de participación.

O prezo da matrícula para todo o curso é de 160 euros, mentres que os que participen só nunha quincena pagarán 100 euros, con descontos do 20%, en ambos casos, para os que acrediten ser familia numerosa ou para os segundos ou posteriores membros da unidade familiar inscritos na Escola.

Os interesados teñen ata o 5 de xuño para presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello (rúa Presidente Salvador Allende, 4 – baixo). Máis información nesta web, nos teléfonos 981 554 400/401, no fax 981 571 511 ou na dirección electrónica dptoeducacion@santiagodecompostela.gal.

Se o número de solicitantes fose maior que o de prazas ofertadas, terá lugar un sorteo público. En calquera caso, recordou Mercedes Rosón, o Departamento fai todo o posible por atender a demanda de prazas, podendo alcanzar ata as 220 aproximadamente.

A Concellería de Educación informará da obtención de praza unha vez rematado o prazo de inscrición. A matrícula quedará formalizada unha vez realizado o pagamento correspondente nos prazos establecidos.

Compartir: