BENESTAR SOCIAL

Cea benéfica para recadar fondos destinados á Casa da Infancia de Colombia

21/05/2010 A Fundación Balms para a Infancia celebrará a súa 1ª Cea Benéfica o sábado 22 de maio, ás 22:00 horas, no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela. O Concello colabora con esta iniciativa solidaria, que pretende recadar fondos para o proxecto da Casa da Infancia de Colombia.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou esta cea benéfica. O custo da invitación será de 40 euros, nos que se inclúe una doazón para o proxecto da Casa da Infancia de Colombia, na localidade Cidade Bolívar, en Bogotá, onde más de 90 nenos e nenas teñen a oportunidade de disfrutar dun centro no que se lles brinda apoio escolar, alimentación, actividades lúdicas, etc.

A cea dará comezo coa presentación dun vídeo onde se amosa o labor levado a cabo en Colombia. A continuación da cea, realizarase unha poxa de obras de arte e un sorteo de diferentes regalos. Como broche final, un DJ amenizará a velada.

Ademais de participar neste evento solidario, calquera persoa ten tamén a posibilidade de colaborar co proxecto ingresando unha doazón para a chamada Fila 0, na conta corrente que a Fundación Balms ten aberta en Banesto co número 0030 6037 11 0000899271. Deberá indicar o seu nome e apelidos, co obxecto de recibir o certificado da doazón, sempre e cando envíe os seus datos persoais telefonicamente ou a través da dirección de correo electrónico da Fundación: fundacion@fundacionbalms.org.

A Fundación Balms é unha organización sen ánimo de lucro, que traballa dende o ano 2002 con vocación de promover a protección da infancia en situación de risco ou desamparo. O seu obxectivo é desenvolver proxectos que protexan e promovan os dereitos de todos os nenos e nenas. O programa desenvolvido en Colombia consiste nun Centro de Día para a Infancia situado no barrio San Joaquín del Vaticano, en Ciudad Bolívar.

Documentos relacionados



Compartir: