VIVENDA

Destacadas achegas para un proxecto piloto sobre vivenda social en aluguer

21/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou as Xornadas sobre vivenda social en aluguer no Centro Galego de Arte Contemporánea. Estas sesións de traballo, no marco do proxecto europeo SUITE, liderado por Santiago, achegan experiencias municipais e autonómicas na xestión deste tipo de vivendas, con vistas ao proxecto piloto que neste ámbito poñerán en marcha o Concello e EMUVISSA.

O acto inaugural do alcalde deu paso ás diferentes intervencións, que abriu Joan Batlle i Bastardas, director da Unidade Operativa de Vivenda Social de ADIGSA, empresa pública da Generalitat de Cataluña, quen falou sobre a función social do parque de vivenda protexida. A continuación apuntou o punto de vista do arquitecto Emiliano López, socio do estudio barcelonés López-Rivera Arquitectos.

Pecharon a xornada da mañá o director da Sociedade de Aluguer do Goberno Vasco (ALOKABIDE), José Manuel de la Fuente, e, en representación do grupo inmobiliario LARCOVI, Francisco J. Campos León, que falou dende o punto de vista do promotor privado. Rematadas as intervencións da mañá, os participantes nas Xornadas visitaron Bonaval e algunhas construcións, como as de Caramoniña.

Para a xornada da tarde estaba prevista unha mesa redonda, moderada pola concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, sobre as políticas de promoción da vivenda en aluguer dende o ámbito municipal, coa participación de Jorge Letamendia Belzunce, concelleiro de Urbanismo e Vivenda de San Sebastián; Victoria Fernández Domínguez, concelleira de Vivenda de Córdoba e presidenta de VIMCORSA; o promotor José Otero Pombo e un representante da promotora Santiago Sur.

O Concello quere afondar nesta fórmula da vivenda protexida de aluguer e por iso estas xornadas son unha importante achega para o proxecto piloto que neste ámbito se quere poñer en marcha a modo de banco de probas. Trátase de facer unha proxección para estudar a viabilidade deste tipo de iniciativa, destinada unicamente a familias desfavorecidas.

Proxecto SUITE
SUITE é un proxecto de vivenda social, que se enmarca dentro do Programa Europeo URBACT II e do que forman un total de nove cidades: Newcastle e Medway no Reino Unido; Hamburgo en Alemaña; Iasi en Romanía; Cracovia e Siemianowice Slaskie en Polonia; as francesas Nantes e Rennes e a capital de Estonia, Tallinn.

O Proxecto pretende analizar as posibilidades e oportunidades de utilizar a vivenda como factor de inclusión social e urbana, tema de grande interese, especialmente en tempos de crise económica. O principal obxectivo do SUITE é cooperar entre os socios para optimizar unha oferta sostible e asequible de vivenda e asegurar a cohesión social a través dunha vivenda axeitada e das políticas de inclusión.

Compartir: