CULTURA

"Platonov", do Centro Dramático Nacional, chega ao Auditorio de Galicia

20/05/2010 O venres 21 estréase no Auditorio de Galicia Platonov, obra representada polo Centro Dramático Nacional español. O espectáculo foi presentado nunha rolda de prensa na que a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, e o director do Auditorio, Paulo Rodríguez, estiveron acompañados polos actores Pere Arquillué, Elisabet Gelabert e Mónica López.

Socorro García salientou que a Concellaría está a fomentar que se poida asistir a unha programación teatral a nivel estatal de calidade, polo que afirmou que "é un programa importante e bo para a nosa cidade". Da obra, explicou que é un texto de xuventude de Anton Chéjov "que apareceu na caixa forte dun banco", interpretado por "un reparto de moitísima calidade" e que "nos fala da extinción dun mundo para crear un mundo mellor". Confiou en "que o teatro sirva para que pasemos un anaco agradable e ver a realidade con outra perspectiva".

A actriz Mónica López, que interpreta o papel de Anna Petrovna, salientou que Platonov non é só entretemento, senón que "tamén fai pensar sobre os tempos que estamos a vivir", e que o contexto en que se desenvolve a acción é "moi actual".

Elisabet Gelabert, que encarna a Sofía Egorovna, destacou que a obra, por ser descoñecida, "é moi agradable de ver por primeira vez". Engadiu que os personaxes e as atmosferas lembran os que despois "Chéjov tratou nas súas obras máis coñecidas", aínda que aquí aparecen "coa frescura dun autor máis novo".

Pola súa parte, o actor Pere Arquillué, que interpreta o papel de Platonov, explicou que a representación, que se estreou hai un ano, foi gañando co paso do tempo, e que agora "chega moito mellor", "con máis punch e enerxía". Confiou en que "o público desfrute tanto coma nós".

Finalmente, Paulo Rodríguez, director do Auditorio de Galicia, dixo que a programación é "unha oportunidade para os composteláns e visitantes de ver un gran formato, que é difícil de traer", tanto polo persoal, como polo material e por cadrar datas.

Documentos relacionados



Compartir: