CULTURA

Arranca a sétima edición de Curtocircuíto

19/05/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron a VII edición do festival Curtocircuíto, acompañados do director do certame, Tim Redford.

Segundo explicou a concelleira, desta volta a nova edición do festival ten lugar menos dun ano despois da última, debido a que "pasa a ser un festival de primavera, e non de outono, como ata agora", pois nesa estación "hai unha acumulación de actos cinematográficos". Tamén confiou en que en vindeiras edicións "Curtocircuíto se estire nas secuelas da semana oficial".

Nesta edición presentáronse 2.303 curtas, o que obrigou a levar a cabo "un intenso traballo de selección previa", segundo explicou García Conde, destacando que se trata de pezas "moi diversas e de calidade".

A semana oficial arranca o 23 de maio e durará ata o día 30. O eixo central será a proxección das 123 curtametraxes que compiten na Sección Oficial, procedentes de 26 países, divididas en 12 programas. Ao longo da semana poderanse ver tanto no Teatro Principal como no Salón Teatro. O público poderá votar polas súas curtas favoritas e decidir o gañador do Premio do Público, un dos 13 que se outorgarán o sábado 29, na gala de Clausura.

Así mesmo, poderanse ver case outras 100 curtas nos 12 programas paralelos, que se proxectarán na Aula Sociocultural Caixa Galicia. Inclúen tres programas de curtas cubanas -país convidado desta edición-, cine fantástico e de terror e contidos destinados a crear interese polas curtametraxes entre o público máis novo.

Nesta edición terá lugar o V Mercado Internacional das Curtametraxes, que reunirá en Compostela profesionais chegados de todo o mundo. Outra das novidades do VII Curtocircuíto será o Encontro Galego de Profesionais, "para que todos poidan participar, intercambiar ideas e impulsar a súa creatividade", afirmou a concelleira. "Estamos seguros de que vai ser unha cita cultural e para o turismo, alternativa de ocio e oportunidade de que a nosa cidade se visibilice no mundo", concluíu.

O director de Curtocircuíto, Tim Redford, explicou que outras das actividades que se desenvolverán durante a semana serán un obradoiro de animación stop-motion impartido por Juan Lesta e Belén Montero, e estará presente Nicolas Schmerkin, gañador do Óscar pola curta Logorama, que impartirá unha clase maxistral o venres 28 no Teatro Principal.

Direccións relacionadas



Compartir: