RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Santiago de Compostela e Regensburg estreitan lazos nos ámbitos culturais, universitarios e comerciais

18/05/2010 O proxecto Santiago-Une, de promoción de Compostela en Europa, desenvolveu no a parte principal do seu programa na cidade alemana de Regensburg (Ratisbona).

A primeira hora da mañá tivo lugar o encontro programado na Facultade de Humanidades da Universidade, na que a comisión compostelá foi recibida polos responsables dos estudios hispánicos, presididos pola vicerrectora e responsable de relacións internacionais, Ingrid Neumann-Holzschuh, e o director do centro, Hubert Pöppel. Nas intervencións dos representantes da Universidade de Regensburg e da USC quedaron de manifesto as coincidencias e paralelismos históricos entre Santiago de Compostela e a cidade alemana, e os intereses coincidentes entre as dúas universidades, especialmente no referente aos estudios históricos e medievais, parte na que o profesor Xosé Miguel Andrade relatou as actividades da USC e foron avaladas as posibilidades de intercambio.

Lanzada Calatayud, directora dos cursos internacionais da USC, coincidiu co profesor Pöppel na importancia dos intercambios para a difusión e coñecemento dos idiomas nun momento no que o español avanza dun xeito extraordinario en Alemaña, fenómeno no que a Universidade de Regensburg realiza un destacado labor. A profesora Neumann-Holzschuh subliñou as posibilidades de colaboración no intercambio e mobilidade de estudiantes e agradeceu o ofrecemento da USC para integrar a Regensburg no prestixioso Grupo Compostela de Universidades, que xa conta con 80 asociadas.

No edificio do Vello Concello, antiga sede da corte de Carlos V, tivo lugar a recepción oficial por parte do alcalde de Regensburg, Hans Schaidinger, ao que acompañaban representantes dos partidos con representación na cidade e técnicos municipais relacionados coas relacións internacionais da cidade. O mandatario amosou a súa satisfacción polo inicio dunhas converas oficiais que "teñen o precedente, dixo, dos miles de camiñantes que pasan polos nosos camiños en dirección a Compostela". El mesmo amosou o seu interese de facer o Camiño así que remate o seu mandato. Falou das posibilidade de intercambio de coñecementos e proxectos de "dúas cidades que son Patrimonio da Humanidade, non por ter algúns edificios o monumentos declarados, senón por todo o seu conxunto". Satisfeito de poder emprender accións conxuntas no marco de Europa prometeu devolver a visita a Compostela.

O concelleiro de relacións institucionais, Andrés Fariña, desculpou a ausencia do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e logo de explicar as directrices do programa Santiago-Une manifestou o espírito que move esta iniciativa financiada pola Unión Europea de "afondar –dixo- no espírito europeísta da Europa humanista, que vai máis aló dos intereses dos mercados e que será a verdadeira forma de conseguir unha Europa realmente unida".

Nas reunións técnicas da tarde, déronse a coñecer os proxectos de Regensburg, cidade empresarial e o Plan Estratéxico de Santiago de Compostela. Mónica Suárez presentou o proxecto UNINOVA da USC. Ángel Panero, arquitecto director da oficina técnica do Consorcio, analizou os plans de rehabilitación de Santiago cos responsables das areas de cultura e patrimonio de Regensburg. A última hora da tarde quedou inaugurada a exposición Santiago une Europa no Museo Diocesano e o profesor Andrade pronunciou a conferencia Os valores do Camiño de Santiago. De seguido foi proxectada a película La sinapsis del Codice, do director compostelán Pablo Iglesias.

Compartir: