PROMOCIÓN ECONÓMICA

V Xornada "Emprende en Compostela": A maioría das grandes empresas naceron en tempos de recesión económica

18/05/2010 Dezaseis das trinta empresas que cotizan no Dow Jones, iniciaron a súa actividade en tempos de recesión económica. Son datos expostos polo director de Área de Bic Galica, Jacobo García Durán, na ponencia inaugural da V Xornada Emprende en Compostela, que se celebrou no Pazo de Congresos baixo o título Competitividade e innovación para o emprendemento e o crecemento empresarial.

García Durán tamen destacou que a taxa de actividade emprendedora en Galicia supera a media española e que, cando se lle pregunta aos/ás emprendedores/as galegos pola súa motivación emprendedora, o 81% manifestan que é porque detectaron unha oportunidade de negocio. Isto, segundo explicou, é positivo, porque esta motivación asóciase a iniciativas empresariais máis lonxevas no tempo e con maior potencial de crecemento.

A continuación tivo lugar a inauguración, que consistiu nun paseo polos distintos espazos e stands habilitados para informar e promocionar a entidades, asociación, persoas emprendedoras e empresas. Participaron o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o xerente de Uninova, Gustavo Marcos; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, José Lorenzo Puente; o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, Jesús Chenel; a presidenta de Em-Rede: Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca, Eva López; e o presidente de AJE Marineda: Asociación de Xóvenes Empresarios da Coruña, Daniel Ramos.

A xornada comezou con tres obradoiros para o emprendemento, impartidos en paralelo por Bic Galicia: Como utilizar internet para o negocio, Comunicación empresarial: publicidade para pemes e Produtos financieiros e financiamento na peme. A continuación, Jacobo García Durán impartiu a ponencia Estratexias para o emprendemento e a mellora da competitividade empresarial. Sobre as once e media da mañá, desenvolveuse o panel de experiencias, no que participaron Pedro Tansende, de AJE Marineda; Claudia Suárez, de Afigal,; e Carlos Silva, subdirector de información especializada do IGAPE. Sobre a unha da tarde comezaron os obradoiros Captación e fidelización da clientela, Axudas destinadas ao comercio, e A importancia de informatizar o negocio hostaleiro. A xornada rematou coa ponencia Dez retos que debe superar o emprendedor tecnolóxico, impartida polo grupo Iniciador, e coa presentación do programa Compostela Activa 2010 e a experiencia empresarial Abastos 2.0, Premio Xuventude do Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2010.

En concreto, presentáronse as convocatorias Axudas para a creación de novas empresas e Concurso de novas ideas empresariais, que contan cun orzamento de 84.000 euros. Forman parte, xunto á V Xornada Emprende en Compostela, do programa de fomento do emprendemento Compostela Activa 2010, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica. O prazo de presentación de solicitudes para o concurso e para as axudas, remata o 30 de xuño. As persoas interesadas poden consultar as bases e descargar os formularios de solicitude na páxina web www.maiscompostela.org.

Ademais das ponencias, experiencias empresariais e obradoiros, habilitáronse distintos espazos complementarios. Instalouse un punto de información para orientar ás persoas asistentes, oito stands informativos da Concellaría de Promoción Económica, Bic Galicia, UNINOVA-USC, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Asociación Área Empresarial do Tambre, AJE Marineda, Em-Rede e La Caixa. Neste espazo situouse o Punto de asesoramento para persoas emprendedoras. A xornada tamén contou cun triple espazo promocional para empresas e entidades de Compostela e un espazo informático con mesas, sillas, e ordenadores con conexión a internet, no que se mostraba, ás persoas interesadas, a utilidade das redes sociais para as empresas e para as/os emprendedoras/es. Tanto este espazo web, como o triple espazo promocional para empresas contou coa animación do mago e cómico Victor Grande.

Unha vez rematou a xornada tivo lugar unha comida-encontro de traballo enmarcada na Rede de Cooperación Local, á que asistiron un centenar de persoas. Máis de 70 pertencen a empresas ou son emprendedores. O resto forman parte de asociacións profesionais, son persoal científico da USC ou pertencen a entidades que colaboran coa Concellaría de Promoción Económica. Esta iniciativa, que naceu no ano 2004, ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre as administracións, o mundo empresarial, e a USC. Só en 2009 leváronse a cabo, no marco da RCL, catro accións formativas, e dous encontros de traballo nos que participaron 425 persoas.

Compartir: