IGUALDADE

Mesa redonda sobre o traballo en igualdade en Galicia

18/05/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, moderará o vindeiro xoves, a partir das 20:00 horas, unha mesa redonda baixo o título "A Lei 2/2007, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia. Tres anos da súa aplicación práctica". A charla celebrarase no salón de actos da Cámara Oficial de Comercio de Santiago (San Pedro de Mezonzo, 44 baixo).

Nesta mesa redonda, organizada pola Concellería de Igualdade, participarán a secretaria xeral da Cámara de Comercio, Industria e Navegación, Filomena Casal Gómez, e a asesora xurídica do Centro de Información á Muller da Coruña, María Debén Alfonso. Elas analizarán os resultados da aplicación desta lei autonómica cando se cumpren tres anos da súa aprobación.

A Lei do traballo en igualdade das mulleres en Galicia naceu co obxectivo da integración da dimensión da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas competencias autonómicas sobre emprego e relacións laborais, tal como se explica no seu Título Preliminar. A súa aplicación esténdese a ámbitos como o acceso ao emprego, a formación profesional, a promoción profesional, as condicións de traballo ou a participación en organizacións sindicais ou empresariais.

Compartir: