XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas seis novas obras do FES 2010

18/05/2010 A Xunta de Goberno Local adxudicou provisionalmente na súa última sesión seis das obras incluídas no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local (FES 2010). Trátase das obras na rede de abastecemento de Marrozos, A Susana e Lavacolla; da renovación das rúas López Ferreiro e Arzúa; da mellora do pavillón polideportivo de Monte dos Postes; e do espazo multifuncional de Galeras.

Destas seis actuacións, o investimento maior, 357.194 euros, corresponderá á modernización do sistema de recollida de lixo mediante contedores soterrados e á mellora na seguridade viaria na rúa Arzúa (Almáciga). Tamén se realizarán obras semellantes na rúa López Ferreiro, neste caso por un importe de 196.051 euros.

En canto a obras de abastecemento, acometeranse nos lugares de A Susana e Marrozos (258.595 euros) e Lavacolla (258.645 euros). Á marxe dos FES, na sesión da Xunta de Goberno tamén se abriu o expediente para a contratación das obras de ampliación da rede de abastecemento de Reibó, na parroquia de Laraño, cun tipo de licitación de 71.427 euros.

Tamén no marco dos FES, adxudicáronse provisionalmente as obras de mellora do pavillón polideportivo de Monte dos Postes, por 208.363 euros, e as do espazo multifuncional cuberto no parque de Galeras, por un importe de 193.475 euros.

Deportes
Noutra orde de cousas, adxudicouse provisionalmente o servizo de conserxería e limpeza nos campos de fútbol de Santa Isabel e As Cancelas e nos polideportivos de Pontepedriña e Lorenzo de la Torre, cun custe de 53.763 euros. Xa de xeito definitivo e por 47.900 euros, determinouse a empresa que se encargará do mantemento e conservación dos terreos de xogo dos campos de fútbol de San Lázaro I e San Lázaro II, así como das zonas verdes anexas do campo de Santa Isabel.

Documentos relacionados



Compartir: