RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Unha delegación municipal comeza en Regensburg unha visita para presentar o programa Santiago-Une

17/05/2010 O concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, encabeza unha delegación municipal que comezou en Regensburg (Alemaña) un programa de encontros arredor do programa Santiago-Une: O Camiño de Santiago, une, integra e ilusiona ós cidadáns dende a Idade Media. Regensburg é unha das socias do proxecto no que tamén participan as cidades italianas de Asís e Narni, a portuguesa de Santiago do Cacem, a francesa de Rennes e Córdoba en España.

A maioría dos encontros enmárcanse dentro da Semana Cultural Galega que está celebrando a Universidade de Regensburg, e na que colabora o Concello de Santiago. A primeira destas cita produciuse na Casa de Reunión da Universidade, onde Lanzada Calatayud presentou os cursos internacionais da USC, que foron introducidos polo concelleiro Andrés Fariña.

O martes 18, ás 11:00 horas, haberá un encontro con membros do Centro de Estudios Hispánicos (único en Alemaña) no que participarán a vicerreitora da Universidade de Regensburg, a profesora Ingrid Neumann-Holzschuh e o director do Centro, Dr. Hubert Pöppel. Os profesores Albert Dietl e Susanne Ehrich presentarán o Foro da Idade Media, mentres o Profesor Andrade presentará o Master de Historia Medieval da USC.

Á unha do mediodía, a delegación será recibida polo alcalde de Regensburg, no edificio do vello Concello, e a continuación haberá unha serie de encontros institucionais co obxectivo de intercambiar informacións para unha potencial cooperación en asuntos económicos, actividades culturais e de patrimonio entre ambas cidades.

O primeiro deles será co concelleiro de asuntos Económicos e Empresariais do Concello de Regensburg, a quen o concelleiro, Andrés Fariña, lle presentará o Plan Estratéxico da Cidade. Mónica Suárez, da Cámara de Comercio, introducirá a experiencia da empresa Uninova.

Ao remate desta reunión, a delegación encontrarase co concelleiro de Asuntos Culturais, Klemens Unger, e co coordenador de Patrimonio Mundial en Regensburg, Mathias Ripp, para afondar no coñecemento da actividade cultural e a xestión do patrimonio nas dúas cidades. O arquitecto e director da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago, Ángel Panero, aportará os datos sobre Santiago.

Finalmente, ás 19:30 horas, a delegación participará na inauguración da exposición Santiago une a Europa, que se completará coa conferencia do profesor de Historia Medieval, Xosé Miguel Andrade, da USC: Os valores no Camiño de Santiago, que fará un percorrido dende a Idade Media ata a actualidade. O acto terá lugar no Museo Diocesano da cidade de Regensburg.

Compartir: