NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Concello de Santiago homenaxea ao poeta Uxío Novoneyra e reitera o seu firme compromiso coa lingua galega

17/05/2010 Con motivo do Día das Letras Galegas, ademais da actuación da Banda de Música Municipal, a Concellería de Normalización Lingüística realizou unha lectura pública de textos do poeta homenaxeado, Uxío Novoneyra, a cargo de rapaces do CEIP Quiroga Palacios e do IES Eduardo Pondal. Tamén con motivo desta xornada, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, publicou un bando en defensa da cultura e da lingua galega.

A lectura dos textos realizouse nun acto festivo na rúa Uxío Novoneyra, en Conxo. Entre as persoas asistentes repartíronse 200 exemplares do libro A distancia do lobo, de Antón Lopo. Doutra banda, por varias prazas e parques da cidade houbo unha solta de libros (bookcrossing).

Bando do alcalde
Con motivo deste Día das Letras Galegas, o alcalde publicou un bando no que se reitera o "firme compromiso" do Concello de Santiago de Compostela "co noso país, coa nosa cultura e coa nosa lingua, consciente de que nesta tarefa colectiva radica o futuro do noso pobo."

Di Sánchez Bugallo que este día debe servir, ademais de para lembrar "as obras literarias de mulleres e homes que manifestaron un grande compromiso co noso país e coa nosa cultura", unha xornada de "reflexión sobre a responsabilidade persoal e colectiva que nos corresponde como cidadáns na defensa do galego na educación e na vida pública. O galego é un piar básico na conservación da nosa identidade pero tamén o é na conformación do noso futuro cunha riqueza definitoria. Galicia sen galego sería menos Galicia".

Maio das Letras
Ademais, o Concello continúa cos recitais de poesía en cafeterías e pubs da cidade. Para este luns 17 estaba previsto un recital no Jazz Club Dado Dada, con María N. Soutelo, Lorena Souto, David Pobra, Rafa Villar e Mario Regueira. O venres 21 será o turno de Modesto Fraga, Olalla Cociña, Samuel L. Paris, Lucía Novas Garrido e Carlos Figueiras no Café Bar A Conga. Por último, para o venres 28 de maio o Café Casino contará coa presenza de Celia Parra Díaz, Soraya Cortiñas Ansoar, Paulo Martinez Lema, Rosa Enríquez e Natalia Alonso Ramos.

Na programación deste Maio das Letras está prevista tamén a actuación da filla do homenaxeado, a bailarina e poeta Branca Novoneyra, que actuará o mércores 19 na Casa das Asociacións de Cornes co espectáculo Game Over.

Animación á lectura e cómic
O Departamento de Normalización organiza así mesmo un obradoiro de animación á lectura denominado Libri Terrae, que se impartirá en varios escenarios: o mércores 19 no CSC das Fontiñas (9:00 e 11:30 horas); o xoves 20 na Biblioteca Ánxel Casal (9:00 e 11:30 horas); o venres 21 na Casa das Asociacións (9:00 e 11:30 horas); o luns 24 na Biblioteca Fundación Caixa Galicia (9:30 e 12:30 horas); e o martes 25 no Centro Social Caixanova (9:00 e 11:30 horas).

O cómic tamén terá protagonismo cun obradoiro e cunha exposición. Primitivo Marcos impartirá un obradoiro sobre banda deseñada o mércores 19, ás 19.00 horas, na Casa das Asociacións. Ao día seguinte, no mesmo escenario e á mesma, encargarase da sesión Álex Cal. Nas mesmas instalacións de Cornes permanecerá do 18 de maio ao 2 de xuño a exposición Universo Galimatías, o cómic galego.

A programación complétase cunha xincana literaria e un espectáculo contacontos titulado Uxío Novoneyra na voz da xente. Terá lugar na Biblioteca Ánxel Casal, o martes 18, ás 9:00, 10:30 e 12:00 horas.

Compartir: