FESTAS

Concursos, exhibicións e hip-hop no "Compostela Skate 2010"

14/05/2010 Continuando coas festas da Ascensión, durante todo a xornada do sábado 15 celebrarase o certame Compostela Skate 2010, organizado pola Concellaría de Xuventude e Festas e a empresa especializada neste tipo de eventos Factor Ulises.

O Compostela Skate 2010 vai dirixido a rapaces de todas as idades amantes da cultura urbana, que serán distribuídos por categorías segundo o seu nivel. Pola tarde, celebrarase o campionato de skateboard, con premios en metálico para os cinco primeiros clasificados e un primeiro premio especial para o mellor clasificado de Santiago. En total, repartiranse 3.000 euros entre os mellores participantes. Ademais, haberá exhibicións de BMX (modalidade acrobática de ciclismo) de competidores procedentes de diferentes partes de España.

Tamén se celebrarán shows de break dance con bailaríns de experiencia internacional que amosarán as súas habilidades nesta rama. Xa pola noite, a partires das 22:30 horas, comezará o Festival Compostela Skate 2010 de música urbana, con mostras de hip hop, a cargo de Kultama, Hermano L, Tramaturgia (gañador na categoría do MúsicaXove ’09), e o grupo 504 (cuxos compoñentes foron premiados na primeira e segunda edición do MúsicaXove). Os máis pequenos poderán estrearse en todas estas disciplinas cos cursiños de iniciación que se impartirán de forma gratuíta antes das exhibicións.

Festa dos Maiores
Antes, ao mediodía, celebrarase a XII Festa dos Maiores, no recinto feiral de Amio. Ademais dun xantar, os 2.000 asistentes confirmados contarán con animación de comparsas de cabezudos e a actuación da orquestra Superfama.

Teatro
Nesta mesma xornada haberá un espectáculo teatral no Principal, a partir das 21:00 horas, con Teatro Sempre en Riaxo. O soño do barbeiro, do Grupo Artístico de Teatro, Música e Danza de Rianxo. Pola noite a música continúa coa orquestra Alarma, no Paseo Central da Alameda ás 22:00 horas. Na praza do Toural actuará ás 23:00 horas o grupo Renato Spencer e Café Caxaça.

Compartir: