TRANSPORTE

Unha vintena de artistas e escritores subiranse ás bicicletas de Combici para homenaxear a Novoneyra

14/05/2010 Varios artistas, escritores e poetas galegos, participarán nunha acción homenaxe a Uxío Novoneyra, coordinada por Antón Patiño, o domingo 16 de maio, ás 10:00 horas. Entre todos configurarán o poema "Chove para que eu soñe" (un dos lendarios poemas breves de Novoneyra) na praza do Obradoiro, a xeito de "poema público", onde cada participante leva unha letra do texto.

Segundo explica Patiño, a obra de Uxío Novoneyra "ten unha dimensión plástica e xestual inzada de vitalidade: reflicte unha vontade de poesía expandida na procura dunha catarse". "Queremos trazar de xeito colectivo o poema en dúas fases: unha primeira acción nun percorrido en bicicleta pola praza e outra configurando entre todos o poema completo".

Os ciclistas-poetas farán unha diagonal (e un percorrido en espiral) na praza do Obradoiro (a representar a viaxe vital e poética do lendario autor do libro Do Courel a Compostela). Nunha segunda intervención, os participantes van trazar o poema enteiro no cerne da praza do Obradoiro. Dende o eido da creación artística e literaria quérese ofrecer esta homenaxe na véspera do Día das Letras Galegas dedicado ao extraordinario poeta da Letanía de Galicia e do Vietnam Canto, e complementar no espazo urbano de Compostela outras homenaxes recentes que se fixeron no Courel.

Os participantes na acción son: Marilar Aleixandre, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Herminio Barreiro, Alberto Casal, Pilar Comesaña, Estevo Creus, Miguel Anxo Fernán-Vello, Ania González, Julián Hernández, Menchu Lamas, Cecilio Muñoz Abela, Branca Novoneyra, Antón Patiño, Antón Reixa, Pedro Rielo, Rivadulla Corcón, Manolo Romón e Rexina Vega. Colaboran tamén Emilio Araúxo e o poeta e pintor francés Claude Royet-Journoud, que deseñou vario carteis en homenaxe a Novoneyra.

O servizo de préstamo de bicicletas Combici -que xestiona a empresa municipal de transporte urbano TUSSA- achega as bicicletas que se necesitan para desenvolver a acción, e a empresa Ezpeleta S. L. de Vigo, dona os paraugas que levarán os participantes.

Compartir: