CULTURA

Nicolas Schmerkin imparte unha clase maxistral en Curtocircuíto tras recoller o Oscar por "Logorama"

14/05/2010 Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, organiza unha clase maxistral titulada Fenómeno Logorama, na que o produtor Nicolas Schmerkin analizará o proceso de produción e as razóns do éxito da multipremiada curta.

Esta actividade enmárcase dentro da programación de Curtocircuíto. A clase terá lugar no Teatro Principal o venres 28 de maio, a partir das 10:30 horas. A entrada é gratuíta e libre ata completar o aforo da sala.

Schmerkin foi o encargado de levantar a estatuíña na pasada edición dos Oscars, na que Logorama gañou o premio á mellor curtametraxe de animación desbancando á española La dama y la Muerte. Logorama sorprendeu cunha parodia dos filmes de acción de Hollywood nun universo composto por máis de 3.000 logotipos. Cada personaxe, escenario e obxecto é o logo dunha recoñecida marca comercial. Tras catro anos de preparación chegaron premios en festivais como Cannes, Clermont-Ferrand, Vila do Conde e, por suposto, o Oscar.

Nicolas Schmerkin é o fundador da produtora e distribuidora francesa Autour de Minuit, que produce sete das curtametraxes que compiten na Sección Oficial de Curtocircuíto este ano: Babioles, Spin, Mrdrchain, Splitting the Atom, Strata #2, Muzorama e a propia Logorama.

A VII edición de Curtocircuíto inclúe tamén un obradoiro de stop-motion, curtas para nenos e adolescentes, programas temáticos sobre Cuba, cine fantástico ou Eric Rohmer, e a Sección Oficial na que compiten 123 curtas.

Direccións relacionadas



Compartir: