ALCALDÍA

O alcalde anuncia un novo decreto de servizos mínimos para evitar a excesiva acumulación de lixo

14/05/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou un novo decreto de servizos mínimos para a folga dos traballadores do servizo de recollida do lixo. Este decreto, dixo, contempla "actuacións extraordinarias para evitar a excesiva acumulación de residuos".

Este novo decreto supón un "esforzo adicional", que se traduce nuns servizos en torno ao 50%, indicou ao alcalde. Xustificou estes servizos porque "non se poden permitir situacións que amecen a seguridade e a saúde das persoas". Antes de anunciar esta medida e respecto ao anterior decreto, sinalou que "a xuíza confirmounos que o decreto de servizos mínimos estaba ben feito e plantexado".

Sobre a folga, Sánchez Bugallo agarda que "a empresa e os traballadores pechen un acordo sensato e razoable o antes posible, sabendo o escenario económico no que estamos". Neste sentido, recordoulles aos traballadores que eles "non teñen os postos ameazados e poden manter o nivel adquisitivo e unhas retribucións de niveis moi decentes". Ademais, lamentou que "estean presionando á empresa en base a facerlle dano aos cidadáns de Santiago.

En calquera caso, reiterou o rexedor municipal, "non imos revisar a taxa do lixo nin incrementar a suba do IPC do 0,8% que xa se lle aplica á empresa" para atender as súas peticións. Tamén lle reclamou aos sindicatos que "velen por evitar feitos como os producidos nas últimas noites, con queima de contedores, intentos de entrar na empresa concesionaria para pinchar as rodas dos vehículos de recollida ou a sabotaxe de candados dos colectores con silicona".

Bos datos de Lavacolla
Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo tamén valorou o incremento do 5,4% do aeroporto de Lavacolla no mes de abril, fronte a unha baixada do 8,6% rexistrada no conxunto do Estado. "En circunstancias normais esta sería unha suba moderada, pero no contexto no que estamos, coa crise e co volcán, podemos consideralo coma un bo resultado", dixo. A propósito da incidencia da cinza do volcán islandés, indicou que "a medida que cambien os ventos, aínda se rexistrarán mellores resultados".

Recortes orzamentarios
A propósito das medidas de aforro anunciadas polo Goberno central, afirmou que "en certo modo, dan continuidade a medidas xa anticipadas polo Concello a principios de ano e no Pleno do 29 de abril". Con todo, agarda o texto do Decreto Lei que establecerá estas medidas de aforro para concretar mellor a afectación municipal das mesmas.

Outro capítulo dese aforro é a redución nos investimentos. Valorou que o ministro de Fomento teña anunciado que os recortes non afectarán ao AVE e apuntou a súa "confianza" en que Santiago "non resulte afectada ou o sexa nunha proporción mínima". Neste sentido, recordou que tanto a terminal de Lavacolla como as obras do AVE están en marcha e que, no caso da ampliación da AP-9, o financiamento será adiantado pola empresa concesionaria. "A maior preocupación é a depuradora, pois aínda non saíu a concurso, pero espero que se saque canto antes", engadiu.

Visita Real
Finalmente, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción pola visita da Infanta Cristina e dos Príncipes de Asturias, porque supoñen "a renovación do compromiso da Casa Real coa cidade e co Camiño de Santiago", ademais de ser un elemento de promoción do Camiño e da peregrinación.

Compartir: