TURISMO

O vídeo promocional "Santiago é Grande" gaña o gran premio do Tour Film Brazil 2010

14/05/2010 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os dous premios que o Tour Film Brazil 2010 outorgou ao vídeo promocional de Turismo de Santiago, Santiago é Grande. O Tour Film Brazil celébrase en Florianópolis, sendo o único de América Latina recoñecido polo Comité Internacional de Festivais de Filmes Turístico (CIFFT), con sede en Viena.

O vídeo recibiu o gran premio do Tour Film Brazil 2010, Arará Vermella, concedido polo xurado ao mellor vídeo presentado en calquera das 19 categorías nas que se divide este festival, centrado no sector turístico. O premio foi recollido por Xosé Manuel Iglesias na gala de clausura, que se celebrou o sábado 8 en Florionópolis. "Este premio é un gran recoñecemento internacional ao traballo de promoción de Turismo de Santiago e a todas as persoas e empresas que colaboraron na elaboración do vídeo", dixo o concelleiro, sinalando que "Santiago é Grande impúxose a filmes de múltiples países, e entre as 19 categorías premiáronse vídeos procedentes de 15 países diferentes".

Turismo de Santiago presentou o vídeo dentro da categoría de Destino Turístico, onde se fixo co Arará de Ouro, á que se podían presentar non só vídeos promocionais de cidades, senón tamén de rexións ou incluso países. Así, o Arará de Prata nesta categoría correspondeu á Uganda, friends for life, un vídeo promocional do país africano pero de produción estadounidense, protagonizado polos actores Jason Biggs, Simon Curtis e Kristy Wu. O Arará de Bronce foi para o vídeo Ruhr 2010, no que se promociona esta rexión metropolitana de Alemaña, composta por once cidades onde viven 5,3 millóns de persoas, que neste 2010 é Capital Europea da Cultura.

Xurado internacional
A composición do xurado reforza a importancia dos premios concedidos a Turismo de Santiago. O xurado estaba presidido polo francés George Pessis, produtor de máis de 300 programas audiovisuais recoñecido como Cabaleiro da Orde das Artes e Letras de Francia. O xurado estaba composto por outras doce personalidades vinculadas co audiovisual procedentes de Austria, Serbia, Brasil, Inglaterra, Polonia, Portugal, Suecia, España e Uruguai.

Cabe destacar a presenza do inglés David Cooper, coordinador de proxectos audiovisuais de promoción turística que no 2009 gañou o premio á mellor película de turismo do mundo, outorgado polo CIFFT, e que ten gañado máis de 50 premios internacionais. Tamén a do austríaco Alexander Kamel, director xeral do CIFFT. Ou do director brasileiro Sylvio Back, quen con máis de 72 distincións internacionais é un dos cineastas máis destacados do país carioca.

Santiago é Grande
Santiago é Grande presentouse publicamente en xaneiro de 2008 e dende entón é empregado por Turismo de Santiago nas súas accións de promoción, recibindo boas críticas polos diferentes axentes do sector. Para producir o vídeo empregáronse unha grúa hidráulica de 16 metros de altura e un mini helicóptero dotado de wescam para acceder cun novo punto de vista a localizacións como a Alameda, a praza de Abastos, as prazas da Catedral, o interior da basílica, o Hostal dos Reis Católicos ou o Auditorio de Galicia.

Os medios técnicos e o percorrido da cámara a media altura confiren á produción un carácter moi cinematográfico, subliñado pola banda sonora de Manuel Ribeiro. A cinta foi dirixida por Daniel de la Torre e realizada por Ficción Produccións. Na música conflúen elementos tradicionais coa presenza da Real Filharmonía de Galicia, que pecha o vídeo nun gran plano final gravado pola noite na Praza das Praterías.

O concelleiro de Turismo estivo acompañado na presentación polo xefe de produción de Ficción Produciones, Antonio Veiga, e polo director do vídeo, Daniel de la Torre.

Compartir: