FESTAS

"Pop na Ascensión" trae a Santiago a Sidonie, Niños Mutantes, Arizona Baby e Jonston

13/05/2010 As Festas da Ascensión continuaron despois dunha noite con moita xente polas rúas e no Campus, coa música desenfreada de Emir Kusturica and The No Smoking Orchestra. Así, celebrouse o Concurso Cabalar Ascensión 2010, que segundo o coordinador da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Xacobe Pérez Paz, contou cunha alta participación, aproximadamente 15.000 persoas.

En canto ao número de cabezas de cabalos, a feira contou coa participación de 465 reses (entre cabalos, burras e mulas), ademais de 27 pezas de ovino e caprino. Tras todas as exhibicións e concursos oficiais, onde participaron un total de 50 cabezas, chegou o momento de deliberación e entrega de premios.

Todas as actividades tiveron moita concurrencia de público e unha alta calidade das gandeirías participantes chegadas de Santiago, Teo, Vedra ou mesmo Ponteulla. Os premiados foron os seguintes:

Concursos Morfolóxicos:

- Modalidade Cabalo de pura raza galega:
1º premio: Jalisco, de Lino Freire (Oza dos Ríos, A Coruña)

- Modalidade Egua de pura raza galega:
1º premio: Támega, de Lino Domínguez (Oza dos Ríos)

- Modalidade Cabalos cruzados:
1º premio: Morisco, de Gabriel Fernández de Vedra (A Coruña)

Gran premio institucional do Concello de Santiago Dragóns de Santiago 2010:

- Cabalo Jalisco, con 82 puntos, da gandeiría Lino Freire de Oza dos Ríos. Fíxoselle entrega dunha placa conmemorativa doada polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino. Trátase dun premio institucional subvencionado polo Concello de Santiago de Compostela, o Ministerio de Medio Ambiente e a Federación Española de Asociaciones de Ganado Selecto.

Folk na rúa
Ademais do deporte e o arte cabalar, durante todo o día tres agrupacións folclóricas actúan polas diversas prazas do casco histórico:

· Cantigas e Agarimos: 12:00 horas na praza das Praterías; 13:00 horas na praza de Cervantes; 18:00 horas no Toural; 18:45 horas en Praterías; e 19:30 horas na praza de Cervantes.
· Brincadeira: 12:00 horas na praza de Cervantes; 13:00 horas na praza das Praterías; 18:00 horas en Cervantes; 18:45 horas no Toural; e ás 19:30 horas nas Praterías.
· Colexiata do Sar: 12:30, 13:00 e 14:00 horas na Carballeira de Santa Susana; 18:00 horas nas Praterías; 18:45 horas en Cervantes; e ás 19:30 horas na praza do Toural.

Pola súa parte, a agrupación Cantigas e Agarimos actuará o luns 18, Día das Letras Galegas, na praza do Toural ás 20:00 horas, cunha programación ampla e moi especial adicada a esta xornada.

Tamén comezou a etapa da Volta Ciclista a Galicia, organizada polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo. Participaron quince equipos, cun total de 105 corredores chegados de Francia, Rusia, Portugal, doutros puntos de España e de Galicia. Completaron un percorrido de 135 quilómetros polas estradas de Compostela.

O venres 14, a carreira sairá ás 14:00 horas de Área Central cara a rúa París, Londres, Avenida de Lugo, San Caetano, Salgueiriños, Cruceiro da Coruña con dirección Ferrol, onde rematará a carreira arredor das 18:00 horas.

Á noite, a festa continúa cun festival de música gratuíto no Campus Sur, o Santiago 40 Pop, que comeza ás 22:00 horas deste xoves 13. Actuarán tres grupos: Sinestesia, Georgina e Efecto mariposa. Tamén haberá música no Paseo Central da Alameda coa orquestra Players a partir das 22:00 horas, e no Toural actuará Lou Reyes y Los Astros, ás 24:00 horas.

Pop na Ascensión e Campionato de Chave
Na xornada do venres 14, ás 18:00 horas no Teatro Principal, toda a familia xunta poderá gozar co espectáculo musical Rock N’ Micro, un rockdocumental en forma de viaxe pola historia dos estilos musicais do século XX. A entrada ao Teatro será de balde e poderase recoller na taquilla unha hora e media antes de dar comezo a función.

Tamén pola tarde dará comezo na Alameda o tradicional Campionato de Chave, que chega a súa trixésimo cuarta edición. Pola noite, actuará a orquestra Galilea no Paseo Central da Alameda ás 22:00 horas. Tamén ás 22:00 horas actuará na Sala Capitol o rapeiro estadounidense Raekwon, nun concerto do Ciclo Xacobeo IMPORTA ás 22:00 horas. No Toural soará música de The New Covers Band e Daniel Spiller & The Broken Record Project, ás 22:30 horas. Trátase dunha banda cosmopolita creada no ano 2007 no corazón de Londres, integrada por un galego, un inglés, un italiano, un holandés e un sudafricano.

E de novo un festival, de carácter gratuíto: o Pop na Ascensión, que terá como protagonistas a catro grupos destacados do panorama pop español: Sidonie, Niños Mutantes, Arizona Baby e Jonston, ademais de contar coa actuación do grupo compostelán gañador da segunda edición do Certame MúsicaXove na categoría de pop, Dirty Socks como teloneiros. Segundo a orde prevista, tocarán Jonston e Arizona Baby como grupos emerxentes de xira actualmente por toda España, e pecharán a noite Niños Mutantes e Sidonie.

Documentos relacionados



Compartir: