FESTAS

"Rock N’ Micro" amosaralle aos cativos a historia da música do século XX

12/05/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o espectáculo Rock n’ Micro, que terá lugar na xornada do venres 14, ás 18:00 horas no Teatro Principal, e que será de balde. Trátase dunha proposta de teatro musical dirixida a toda a familia, dende os máis pequenos ata os máis maiores, onde se fai un percorrido pola historia dos estilos musicais do século XX.

O espectáculo conxuga música en vivo (da man de La Banda D’ Nash), danza (a través da compañía Duelirium), cómic, teatro ou circo, especialidades artísticas que se mesturarán enriba do escenario. Rock N’ Micro pretende transmitir así unha visión positiva da historia do rock, alonxada de todos os valores negativos de excesos, para presentar á xuventude "unha cara diferente", baseada no traballo en equipo, a capacidade de superación e a diversidade de formas de expresión artística. E é que, como sinalou a guionista da obra, Annie Sánchez, "o rock impregna algún momento da vida de toda persoa, sen importar a franxa de idade":

Ademais da historia do rock, ao longo do espectáculo poderase desfrutar de coreografías aéreas, clásicos do rock de artistas como Elvis Presley, Rolling Stones, The Beatles, Pink Floyd ou The Doors. O gran protagonista da obra será Mike, personaxe virtual e interactivo da función, o cal será o encargado de guiar ao público en toda a viaxe musical, narrando en primeira persoa a evolución tecnolóxica e instrumental da música. O obxectivo non só será o entretemento, xa que se pretende espertar nos rapaces as gañas de formar parte do mundo da música e das artes, axudalos a valorar a súa creatividade e capacidade de creación.

A obra, que naceu en Galicia, está escrita completamente en galego. Ademais, facendo referencia a este ano Xacobeo, presentan a Mike como un peregrino máis dentro das historietas de cómic que levan o título de "O camiño de Mike".

Durante o espectáculo repartirase material lúdico (viñetas de cómic e pasatempos), tanto para os pais coma para os cativos, para que poidan levalo para a casa e seguir gozando da historia da música do último século. A entrada ao Teatro será de balde e poderase recoller do despacho de billetes unha hora e media antes de dar comezo a función.

No acto, Baqueiro estivo acompañado polo director musical da obra, Carlos Arévalo (membro do grupo galego La Banda D’Nash), polo director da creación, Alonso de La Cantera e pola guionista, Annie Sánchez.

Compartir: