PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A cidade ábrese ao debate sobre os temas que lle afectan a través de sete foros

12/05/2010 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou os Foros de Participación Cidadá 2010. Trátase dunha iniciativa aberta a todos os cidadáns de Compostela que pretende reunir, escoitar e valorar as súas opinións respecto dos grandes temas que lles preocupan.

Guadalupe Rodríguez convidou aos veciños de Compostela a participar e involucrarse nestes Foros, que permitirán o debate tanto presencialmente como a través de internet, na páxina web www.compostelaparticipa.com. Preparáronse sete eixos temáticos en torno aos cales se convocarán sete foros: educación, sustentabilidade, ecopromoción, benestar, cultura, nexos e urbano.

A cada un dos Foros, a Concellería convidará a participar a asociacións, profesionais, institucións, expertos e cidadáns relacionados coa temática do mes, pero sempre abrindo a participación ao maior número de cidadáns posible. E en decembro de 2010 celebrarase un evento, final, denominado Foro Cidade.

Os Foros organizaranse en torno a un programa para cada semana. Así, o segundo mércores do mes presentarase o tema do foro mensual na web. O terceiro mércores abrirase un foro de opinión virtual en redes sociais. O cuarto mércores celebrarase un foro presencial na Casa das Asociacións. Finalmente, o primeiro mes do mes seguinte publicaranse as conclusións do foro.

"Unha cidade, infinitas formas de participar" é o lema destes Foros de Participación Cidadá, cuxo desexo correspondeu á empresa Enxeño Galicia. O seu director, Modesto Gómez, animou tamén aos cidadáns a participar e, aos medios de comunicación, a darlle voz a estes veciños facéndose eco dos debates.

Documentos relacionados



Compartir: