EDUCACIÓN

Representación da obra gañadora do XV Certame de Teatro Intercentros

12/05/2010 O Certame de Teatro Intercentros segue procurando incorporar o feito teatral ao contorno sociocultural do escolar e da mocidade, e crear novos espectadores. Para pechar a edición de 2010, representouse no Teatro Principal a obra gañadora: O espello da alma, do grupo Rosalía 2 do IES Rosalía de Castro.

O espello da alma trata temas de sensibilidade social como o machismo, a discriminación, a incomunicación ou o afán de poder. Cando dúas persoas se queren non precisan das palabras para entenderse. Elisa e a súa tía Amparo comunícanse por medio da mirada; son, a todas luces, "diferentes". Calquera sabe que as persoas "normais" non poden facer iso, polo menos así o cre o pai da nena, que intenta apartala da mala influencia da desequilibrada tía. Unha carta de América que non chega, un tesouro que non aparece, unha palabra imposible de pronunciar; estes son os elementos que tecerán esta inquietante trama.

O éxito da montaxe non recae, esta vez, na espectacularidade da posta en escena, senón que o que verdadeiramente destaca é a interpretación destes novos actores, dous deles nominados á mellor interpretación: Patricia del Río e André Bernal.

Entrega de premios
Rematada a representación, fíxose a entrega de premios á mellor obra, ao mellor actor, á mellor actriz e aos mellore actor e actriz infantís do certame. Nesta edición participaron os seguintes grupos de teatro: Grupo de teatro do Colexio San Jorge; "Máscara" e Grupo de Teatro 3ºB do CEIP López Ferreiro; Grupo de Teatro do CPI de Vedra; Aula de Teatro do CPI de Touro; Grupo "Tantometén" do IES Antonio Fraguas; Grupo "Reviramoitos" do IES Eduardo Pondal; Taller de Teatro do IES Pontepedriña; Grupo 1º e 2º de Bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro; Rosalía 1, Rosalía 2 e Rosalía 3 do IES Rosalía de Castro; Grupo de Teatro do CEIP Pío XII; "Catroteatro" do CEIP Pío XII; "A vaca que fala" do IES Eduardo Pondal; "A Lameira" do CEIP Lamas de Abade e o Grupo "Vai no dentista" do IES Xélmírez I.

Compartir: