XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba os prazos de renovación das concesións das hortas municipais de Belvís

11/05/2010 Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno deuse o visto bo aos prazos para a renovación das concesións das hortas municipais e dos obradoiros das escolas infantís. Ademais, aprobáronse diversas contratacións no ámbito do Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local.

A proposta da Concelleira de Medio Ambiente, aprobouse o prazo para as solicitudes de renovación das concesións de uso das hortas municipais no parque de Belvís, do 18 a o 31 de maio, así como de inclusión na nova lista de agarda. Igualmente, noméase a comisión encargada de avaliar as solicitudes e establécese o documento para formalizar a renovación das devanditas concesións.

Tamén no ámbito medio ambiental, adxudicouse o subministro de planta de tempada para os axardinamentos da cidade, por importe de 16.700 euros. A estes acordos hai que engadir a aprobación dos pregos e o inicio do expediente de contratación da explotación da cafetería situada na Granxa do Xesto, cun tipo de licitación de 8.274 euros en concepto de canon a aboar polo adxudicatario.

Educación
En Educación, ratificáronse os prazos de reserva e novas admisións para os obradoiros das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas. Os prazos quedan do seguinte xeito:

Solicitude de obradoiros de verán:
• Prazo para os xa matriculados: 12 ao 18 de maio.
• Publicación lista admitidos xa matriculados: 19 de maio.
• Prazo para os novos admitidos: 20 ao 27 de maio.
• Listaxe novos admitidos: 31 de maio.

Solicitude de cursos 2010- 2011:
• Prazo para os xa matriculados:01 ao 05 de xuño.
• Publicación lista admitidos xa matriculados: 07 de xuño.
• Prazo para os novos admitidos: do 8 ao 15 de xuño.
• Listaxe novos admitidos: 21 de xuño.
• Matrícula: 22 ao 28 de xuño.

Contratacións
A Xunta de Goberno deu o visto bo a un bo número de contratacións relativas a obras incluídas no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local. Destacan polos seus importes as adxudicacións definitivas do novo equipamento da sala de pantallas da Policía Local (164.480 euros), das obras de construción do campo fútbol de Villestro (482.541 euros), das obras de construción de pistas de tenis e pádel en Sar (275.608 euros), do peche do Casco Histórico por sistema de lector de matrículas (138.584 euros), do proxecto de intervención na rúa Torreira, no Romaño (212.836 euros) e do sistema de axuda á explotación do transporte urbano (155.172 euros). Por riba de todas estas actuacións sobresae a construción do centro cívico de Santa Marta, adxudicado definitivamente por 763.879 euros.

Facenda
Tras unha proposta da concelleira de Facenda, aprobouse o texto do convenio remitido pola Consellería de Facenda que regula os libramentos de fondos por parte da mesma, derivados do establecido no marco da Lei 4/2002 de 25 de xuño do Estatuto da Capitalidade da Cidade de Santiago de Compostela. En virtude deste, o Concello recibirá 3.180.000 euros en 2010.

Infraestruturas
En relación á Concellería de Infraestruturas, dáse por rematado o procedemento por mutuo acordo da expropiación para a ordenación funcional da rúa de San Lázaro, no Camiño Francés (tramo da estrada N-547). O Goberno local aprobou o expediente de expropiación iniciado para a obtención das parcelas para a ordenación funcional do devandito tramo de rúa. Ratifícase o remate convido do procedemento e fíxase definitivamente o prezo xusto pola cantidade de 13.102 euros polo solo e 738,15 euros polas plantacións, xunto cos 450,76 euros consignados no seu día como partida de alzada por todos os conceptos que na orde económica resulten a favor do expropiado.

Cidade Histórica e Urbanismo
En materia de Cidade Histórica e de Urbanismo, aprobouse o proxecto de modificación da Ordenanza municipal reguladora da emisión de ruídos e vibracións e condicións dos locais.

Benestar Social
Finalmente, acordouse adscribir de novo á Concellería de Benestar Social o inmoble situado sobre o aparcadoiro da praza de Galicia. A adscrición apróbase polo prazo dun ano, a partir do 3 de xullo, se ben a duración queda condicionada ás necesidades doutras concellerías e departamentos do Concello.

Documentos relacionados



Compartir: