EDUCACIÓN

O Premio "Ánxel Casal" convoca aos novos talentos literarios en lingua galega

11/05/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, acompañada polo director xeral de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, presentou as bases da convocatoria da XV edición do Premio Literario "Ánxel Casal", nas súas modalidades de conto, poesía e teatro. O certame, dirixido ao alumnos a partir dos 14 anos dos centros de ensino secundario de Galicia, repartirá 5.100 euros en premios.

Mercedes Rosón destacou que a incorporación de Xerais nesta edición pretende "devolverlle o pulo que tiña" a este galardón literario. Por iso, agradeceu á editorial que, "nestes momentos complicados se incorporen xenerosamente a estes premios". Así, nesta edición editarase un libro que recolla os traballos premiados.

Pola súa parte, Manuel Bragado referiuse á que certames como o "Ánxel Casal" son "imprescindibles para sacar á luz os novos talentos" e para impulsar "ás figuras literarias do século XXI en galego". Ademais, indicou, o Premio ten unha importante dotación económica para estas idades, xa que haberá un premio de 1.000 euros para o primeiro e outro de 700 euros para o segundo en cada unha das tres categorías: conto, poesía e teatro.

As obras, escritas en galego, serán inéditas e o tema é libre. O prazo de admisión de traballos finalizará o 30 de xuño de 2010. Os premios entregaranse nun acto público en Raxoi.

O Premio Literario Ánxel Casal foi creado no ano 1996 con motivo da celebración do 150 aniversario da fundación do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I. Cada edición organízase en colaboración cun centro educativo. Neste ano 2010 é o IES de Sar o que formará parte do xurado en calidade de coorganizador do certame.

O nome do galardón é un recoñecemento ao insigne galeguista Ánxel Casal, que fora alcalde da cidade de Santiago de Compostela, ademais de fundador das Irmandades da Fala, pedagogo, coeditor da Colección Lar, impresor de A Nosa Terra, da revista Nós e editor de tantas outras publicacións en galego.

Compartir: