PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Xornada "Emprende en Compostela" contará cun espazo informático animado polo mago Victor Grande

10/05/2010 A V Xornada Emprende en Compostela, que se celebrará o 18 de maio no Pazo de Exposicións e Congresos de Galicia, contará cun espazo informático no que se mostrará, as persoas interesadas, a utilidade das redes sociais para as empresas e para as/os emprendedoras/es. Tanto este espazo web, como o triple espazo promocional para empresas (un espazo no que as empresas de Santiago poden publicitar os seus produtos e servizos de balde), contarán coa animación do mago e cómico Victor Grande.

O obxectivo da xornada, enmarcada no programa Compostela Activa 2010, que depende do Servizo de Apoio á Empresa, é fomentar a cultura emprendedora mediante un encontro no que participan distintas organizacións vinculadas ao emprendemento e ao desenvolvemento do emprego en Santiago. Organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Bic Galicia, está cofinanciada pola Deputación de A Coruña. Conta coa colaboración das seguintes entidades: USC-UNINOVA, Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, IGAPE, AEPIT (Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre), AJE Marineda (Asociación de Jóvenes Empresarios da Coruña), Em Rede (Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca), Afigal, Obra Social Caixa Galicia, La Caixa e Iniciador.

O encontro está dirixido ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial nos vindeiros anos, ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dun negocio, e ás empresas de Compostela que precisen promocionarse e darse a coñecer no mercado. Para facilitar a asistencia, fletaranse dous autobuses gratuítos, con saídas ás nove menos cuarto, dez e media, once e media e unha da tarde desde o Campus Sur, xunto á Facultade de Matemáticas, e dende o Campus Norte, xunto á Facultade de Económicas, con parada na Praza de Galicia. O último regreso dende o Pazo de Congresos está programado para as duas e media da tarde.

Ademais, repartiranse de balde lápices de memoria de 2 GB ás persoas que asistan, con información sobre os pasos a seguir para constituír unha nova empresas axudas destinadas á creación e consolidación de novos proxectos empresariais, e novas oportunidades de negocio. Toda a información sobre a xornada, así como o formulario de inscrición, atópanse na páxina web da Concellaría de Promoción Económica: www.maiscompostela.org. Aínda que o prazo para inscribirse remata o día 14, se algunha persoa non pode apuntarse a través da web, pode facelo o mesmo día do encontro no mostrador de recepción.

Victor Grande
Victor Grande Estevez é cómico, mago e empresario. É socio dunha empresa de produción audiovisual e creación web, chamada Aira Studio, na que se traballa, sobre todo, o tema das redes sociais. Como cómico leva facendo monólogos, presentacións e actuacións diversas desde hai 9 anos. Neste momento está participando no circuito Compostela Cómica, organizado por Santiagosiete.

Entre outros traballos, participou, como colaborador, nalgún programa de Land Rober, da TVG. Tamén presentou a entrega de premios Santiagosiete, e o envento Blog España 2009, unha xuntanza celebrada en Sevilla, sobre o mundo dos blogs e das redes sociais.

Compartir: