TURISMO

A cidade de Oslo acolle un paseo fotográfico polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

10/05/2010 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, coa colaboración da Oficina Española de Turismo en Noruega, inaugurou unha exposición fotográfica que realiza un percorrido por cada unha das 13 cidades integrantes do Grupo.

A mostra está localizada ao aire libre, fronte ao Concello de Oslo, cunha posta en escena que non deixará indiferente aos milleiros de cidadáns que pasan por alí diariamente. Son 14 cubos con fotos de cada Cidade Patrimonio con textos explicativos sobre cada unha.

Esta actuación, que durará ata o 13 de xuño, está promovida pola Oficina Española de Turismo en Noruega, no marco do Plan Anual de Actuación subscrito con Turespaña. A exposición coincide ademais co lanzamento da nova creatividade de Turespaña, I need Spain, polo que na zona da exposición fotográfica emitirase cada hora un anuncio en vídeo en pantalla xigante da nova campaña, intensificando o aspecto promocional da exhibición fotográfica.

O evento de presentación desta exposición tivo lugar na Embaixada de España e coincidiu coa inauguración da súa nova sede, un edificio histórico en Frogner. O embaixador participou do acto cunhas palabras dirixidas aos asistentes para dar paso a unha charla ofrecida por unha catedrática sobre as cidades patrimonio.

Noruega: turismo e economía
Os últimos datos cos que conta o Instituto de Turismo de España afirman que, en 2008, o número de entradas a España ascendeu a 965.747 viaxeiros. Estas cifras supoñen un incremento do 10,9% en relación ás rexistradas durante 2007.

Tendo en conta que a poboación total de Noruega segundo datos do Statistisk Sentralbyra noruegués, SSB (Statistics Norway), a 1 de abril de 2009, ascende a 4.812.200 habitantes, pódese concluír que máis do 20% dos noruegueses viaxaron a España en 2008, dato que amosa a importancia deste mercado en termos relativos.

A riqueza do país e a excelente situación das variables económicas fundamentais resulta un terreo fértil para a disposición das familias a viaxar máis e a incrementar os seus gastos en viaxes.

Compartir: