XUVENTUDE

O Compostela Skate aspira a converterse nun referente para o noroeste peninsular

10/05/2010 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa de actividades do certame Compostela Skate, que se celebrará ao longo de toda a xornada do sábado 15 de maio na pista de balonmán do Campus Sur e no Instituto Xelmírez I.

A Concellería de Xuventude e Festas volve apostar así por este tipo de evento cultural e de deporte urbano, conxugando diferentes disciplinas como o skateboard, BMX, break dance, arte urbano, graffiti e música. Con esta segunda edición do Compostela Skate, Baqueiro asegurou que o principal obxectivo é converter este evento de cultura urbana nunha referencia para todo o noroeste peninsular neste tipo de certames.

Nesta edición amplíase a oferta de actividades asociadas co estilo de vida da xente moza urbana actual. Como principal novidade, as actividades de skate, BMX e graffiti terán lugar nas instalacións do Instituto Xelmírez I. A pista de skate, construída expresamente para a ocasión, instalarase no campo de futbito exterior, existindo a posibilidade, no caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas, de instalarse no interior do pavillón anexo.

Este certame, de carácter gratuíto, vai dirixido a rapaces de todas as idades amantes da cultura urbana, que serán distribuídos por categorías segundo o seu nivel. Pola tarde, celebrarase o campionato de skateboard, con premios en metálico para os cinco primeiros clasificados e un primeiro premio especial para o mellor clasificado de Santiago. En total, repartiranse 3.000 euros entre os mellores participantes. Ademais, haberá exhibicións de BMX (modalidade acrobática de ciclismo) de competidores procedentes de diferentes partes de España.

Tamén se celebarán shows de break dance con bailaríns de experiencia internacional que amosarán as súas habilidades nesta rama. Xa pola noite, a partires das 22:30 horas, comezará o Festival Compostela Skate 2010 de música urbana, con mostras de hip hop, a cargo de Kultama, Hermano L, Tramaturgia (gañador na categoría do MúsicaXove ’09), e o grupo 504 (cuxos compoñentes foron premiados na primeira e segunda edición do MúsicaXove). Os máis pequenos poderán estrearse en todas estas disciplinas cos cursiños de iniciación que se impartirán de forma gratuíta antes das exhibicións.

Segundo Baqueiro, as previsións de participación no Compostela Skate superarán ás do ano pasado, onde participaron 50 mozos. Pero a Concellería de Festas e Xuventude non só invita á participación, senón que anima a todos os composteláns a gozar como espectadores deste evento cultural.

Na presentación, Baqueiro estivo acompañado polo organizador da programación, Carlos Domínguez "Pity", da empresa Factor Ulises (técnicos do evento de cultura urbuna e do campionato O Marisquiño de Vigo), polo responsable da tenda Cultura Urbana que se encarga de toda a parte técnica e artística, Marcos Cardero, e por un mozo promesa do skate compostelán, Ángel. Ademais contaron coa presenza do popular Zapatóns, imaxe deste ano para o certame.

Documentos relacionados



Compartir: