ALCALDÍA

O vicepresidente do Parlamento Europeo compromete a presenza dos Camiños de Santiago no futuro Museo de Europa

08/05/2010 Nas xornadas do programa Santiago-Une, inaugurada baixo a presidencia do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o vicepresidente do Parlamento Europeo, Miguel Ángel Martínez, anunciou a creación do Museo de Europa, que se denominará Casa da Historia Europea, e comprometeu a presenza dos Camiños de Santiago como eixes históricos vertebradores da idea moderna de Europa. "Os camiños e a cidade de Santiago de Compostela –dixo- terán un espacio propio neste proxecto, que vai amosar todo aquilo que representa na historia común o percorrido cara a unidade europea, que estamos construíndo".

A Casa da Historia Europea estará ubicada nun edificio modernista, situado a uns 50 metros do edifico actual do Parlamento Europeo, "coa finalidade de recoller aos miles de visitantes que cada ano se achegan ás institucións comunitarias", indicou. Tamén anunciou que se inaugurará no ano 2014, un século despois da Primeira Guerra Mundial. Será unha exposición provista das máis modernas técnicas audiovisuais, que poderá ser vista e seguida nos 23 idiomas oficiais do Parlamento Europeo.

Na actualidade xa está convocado o concurso para a adecuación do edificio, existe un padroado fundacional e un comité científico que traballa nos contidos. Miguel Ángel Martínez salientou a alta participación de arquitectos españois no concurso do proxecto.

A xornada de inauguración viuse alterada por mor do peche dos aeroportos galegos, circunstancia que impediu a presenza de Enrique Barón e Giuanni Pittella. Na súa intervención, Javier Rodríguez Seijo, director Xeral de Planificación e Fondos da Xunta de Galicia, salientou a importancia de estar integrados en Europa, polo que Galicia recibiu nestes 25 anos máis de 18.000 millóns de euros, "o que nos permitiu progresar dun xeito máis rápido e eficaz".

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, subliñou a importancia e vitalidade do Camiño en relación coa construción de Europa e felicitouse pola vitalidade e xuventude que mantén 1.197 anos despois de iniciarse como ruta de peregrinacións e de cultura. Manifestou que en Galicia "sentímonos orgullosos de formar parte da Unión Europea porque somos europeístas convencidos, e porque a Unión é un espazo de paz e prosperidade". Considerou que "o progreso actual de España e Galicia sería impensable sen Europa, xa que estar dentro representou cambios fundamentais en relación coas liberdades, ademais do impulso que significou no ámbito da mellora e modernización das infraestruturas". Engadiu que "estamos nunha encrucillada vital para o desenvolvemento do proxecto, polo que é necesario que todos os cidadáns pensemos en clave de europeos para acelerar o proceso de unión".

Os actos de Santiago-Une continuaron conforme ao programa previsto. O domingo 9 terá lugar o acto de celebración Día de Europa na praza do Obradoiro ás 12:00 horas.

Compartir: