ALCALDÍA

O alcalde salienta o interese dos arcebispos de Santiago e Pisa na consecución do irmandamento entre as dúas cidades

08/05/2010 As cidades de Pisa e Santiago de Compostela ratificaron o seu pacto de irmandamento nun acto celebrado no salón vermello do Pazo de Raxoi. O programa iniciouse coa sinatura no libro de honra do Concello por parte do alcalde de Pisa, Marco Pilippeschi, quen recoñeceu no seu escrito os lazos históricos que unen as dúas cidades e o compromiso de colaboración que o pacto establece.

Coa asistencia de representantes dos tres grupos políticos da Corporación compostelán e dun nutrido grupo de personalidades da vida pública de Pisa e Santiago, os alcaldes das dúas cidades ratificaron o acordo xa asinado en Pisa e que fora aprobado por unanimidade o 27 de decembro de 2007 polo Pleno da Corporación de Santiago.

No seu discurso, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, salientou e agradeceu o interese amosados polos arcebispos de Santiago, monseñor Julián Barrio, e de Pisa, monseñor Alessandro Plotti, na consecución deste irmandamento. De monseñor Plotti asegurou que é un entusiasta do Camiño de Santiago, gran promotor e defensor, "cuxa labor debemos agradecer neste momento". De seguido, Sánchez Bugallo, en referencia ao pacto asinado subliñou que "as nosas relacións de amizade e cooperación son xa un proxecto compartido", como queda de manifesto na participación de ambas cidades no programa europeo Santiago-Une.

Pola súa parte, o alcalde de Pisa, Marco Filippeschi, lembrou as viaxes que Santa Bona programou de Pisa a Compostela como peregrina e como pioneira dun costume que permanece no tempo. Salientou os puntos de confluencia cultural, histórica e simbólica de ambas cidades. E detívose nos aspectos turísticos como bases para un mellor coñecemento e de colaboración presente e futura entre as dúas cidades, que seguirán mantendo encontros no presente e no futuro.

Compartir: