CIDADE

O Concello achega 27.000 euros para construír o complexo parroquial e a igrexa de San Antonio de Fontiñas

12/12/2005 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o párroco da parroquia de San Antonio de Padua, do Polígono de Fontiñas, Ricardo Viqueira Otero, asinaron o luns 12 de decembro, un convenio de apoio á construción do centro parroquial e o desenvolvemento de actividades.

A Parroquia de San Antonio de Fontiñas abordará en breve a construción da fase pendente do seu complexo parroquial e igrexa, un proxecto elaborado por arquitecto Iago Seara que ascende a 1.021.930,56 euros. A través do convenio asinado, o Concello de Santiago achegará 27.000 euros para a construción deste complexo parroquial e a súa igrexa.

Neste centro téñense previsto realizar actividades relativas ao apoio a familias monoparentais a través do Centro Aveiro, existente na actualidade e que trasladará a súa sede ao complexo parroquial; acollemento e orientación a persoas con dificultades persoais e económicas a través do servizo de Cáritas parroquial; actividades dirixidas a persoas maiores, nenos e mozos e actos culturais de todo tipo (conferencias, mesas redondas e cine forum, entre outros), enmarcados dentro da actividade pastoral.

Así mesmo, prevese que a realización destas actividades estea aberta a todas as persoas interesadas, así como o uso dos locais, que estará dispoñíbel para os colectivos do barrio e para o propio Concello.

Compartir: